A Casa de Galicia en Madrid convértese nun museo naval durante o mes de novembro
A Casa de Galicia en Madrid acolle durante o mes de novembro unha importante colección de maquetas de barcos construídos nos estaleiros galegos. Na sala Emilia Pardo Bazán atópanse algúns dos modelos máis tecnolóxicos desenvolvidos pola industrial naval asentada na Ría de Vigo e Pontevedra.
A exposición "Un mar de esforzo, talento e paixón", elaborada por PYMAR, sociedade que representa aos principais estaleiros privados españois, permite contemplar a maqueta do Sea Cloud Spirit, un cruceiro veleiro de tres paus construído por Metalships & Docks. Cos seus 138 metros de eslora atópase entre os veleiros máis grandes do mundo.
Deste mesmo estaleiro pódese ver tamén a maqueta do North Sea Giant, un buque de construción offshore pioneiro en sustentabilidade. Este xigante do mar ten 153,6 metros de eslora e 30 de manga.
Nodosa Shipyard achega á exposición dous dos seus buques insignia: o Falcon , un arrastreiro conxelador de 75 metros, e o Moustakbal II, unha draga de succión de 77,7 metros de eslora e 14 de manga.
O buque de investigación oceanográfica Svea, construído por Armon Shipyards Vigo, é un exemplo máis do desenvolvemento tecnolóxico da industria naval galega que con construcións como esta de case 70 metros de eslora conta cun recoñecido prestixio internacional.
A maqueta do Urania Mella, un buque de loita contra a contaminación construído no estaleiro de Cardama Shipyard completa esta mostra que sorprende aos que a visitan polo seu detalle e as súas dimensións xa que algunhas superan o metro e medio.
Industria de futuro
A industria naval galega conta cun recoñecido prestixio internacional na construción dos buques máis complexos, innovadores e sostibles do mundo, como grandes pesqueiros, oceanográficos ou buques de pasaxe.
PYMAR, a través de ferramentas clave nas que participan, entre outras institucións, a Xunta de Galicia, leva preto de catro décadas impulsando a competitividade do naval galego mediante a emisión de garantías por máis de 2.600 millóns de euros, que contribuíron á construción de 248 buques polos estaleiros privados galegos.
Construción naval de Ferrol
Ademais dos prodixios tecnolóxicos máis recentes da industria galega, "Capital industrial. Galicia" achéganos ao Roteiro da Construción Naval de Ferrol, unha proposta de turismo industrial que nos permite visitar EXPONAV e o Museo Naval de Ferrol. De alí procede a maqueta da Fragata Baleares, un buque que pertence ao conxunto de cinco embarcacións idénticas construídas entre 1971 e 1976. Estas fragatas estaban especializadas en guerra antisubmarina e escolta ata que deixaron de prestar servizo no ano 2000.
Tamén se poden visitar as maquetas de dous remolcadores: o Remolcador de Rada Y-147, un buque auxiliar da Armada Española cuxo papel era fundamental en operacións loxísticas e de mantemento da frota, e o Fransio. Neste caso trátase dun barco a vapor, unha forma de propulsión común ata o século XX.
Sector naval galego
A industria naval representa o 5% do PIB de Galicia e dá emprego a máis de 26.000 persoas. Actualmente, a industria naval civil galega suma 35 unidades en carteira, que este ano rexistra o maior número de buques en construción dos últimos 15 anos, por un importe superior aos 1.100 millóns de euros.
O naval é un sector estratéxico dunha economía fortemente internacionalizada. En 2023 as exportacións superaron por primeira vez a barreira dos 30.000 millóns de euros e os datos que se coñecen ata a data indican que 2024 pechará cunha nova marca histórica.
"Capital industrial. Galicia" ofrece unha aproximación á realidade económica e empresarial da comunidade autónoma. Faino coa a exposición do sector naval, paneis con información dos sectores estratéxicos e distintas propostas de turismo industrial. Na sala Álvaro Cunqueiro a adega do Salnés Paco & Lola reproduce a visita ás súas instalacións, unha experiencia certificada co selo Q de Calidade Turística.
Esta exposición estará aberta ata o 29 de novembro na Casa de Galicia en Madrid, no número 8 da rúa Casado dEL Alisal. O horario de visitas de luns a sábado é de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Os domingos e festivos de 10:00 a 14:00 horas. Estes horarios poden sufrir modificacións en función das actividades programadas na Casa de Galicia en Madrid.