A Casa de Galicia en Madrid homenaxea a Maruja Mallo coa presentación do libro "El cuarto vértice"
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, presidiu esta tarde a presentación do libro El cuarto vértice, de Carlos Moreno Lugrís, publicado por Hércules de Ediciones.
Durante o acto, Ramos destacou que a novela “recupera as vidas de centos de mulleres que foron vilipendiadas polo chamado Patronato da Muller”. Engadiu que “a historia de Marina, marcada pola desgraza e pola inxustiza, contraponse á de Maruja, unha muller chea de éxito e privilexios, o que permite ao autor ofrecer un retrato lúcido das desigualdades e dos destinos condicionados pola época”. E resaltou tamén que “grazas a Carlos Moreno Lugrís a Casa de Galicia en Madrid pódese unir hoxe a rendir homenaxe a Maruja Mallo”.
Pola súa parte, autor compartiu co público a orixe e o proceso creativo do libro, así como as motivacións que o levaron a explorar sobre a vida da artista galega.