A Casa de Galicia en Madrid presenta a mostra do proxecto "Artesanía no Prato"
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, acompañado pola directora xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presidiu esta mañá a apertura ao público da mostra de fotografías e pezas de Artesanía no Prato. Esta iniciativa chega á representación institucional da Xunta de Galicia na capital da man da Fundación Artesanía de Galicia.
Ramos describiu a mostra como “parte dun proxecto apaixonante” e salientou que “non só abonda con ter unha materia prima excelente, senón que tamén é fundamental o xeito no que se presenta, e aí é onde destaca Artesanía de Galicia”. O proxecto Artesanía no Prato naceu en 2013 e leva acadando éxitos dende entón. Nos anos 2019 e 2020 resultou finalista nos Premios Nacionais de Artesanía e en 2021 foi seleccionado como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafts Code.
Na actualidade, máis de 50 obradoiros artesáns da nosa comunidade colaboran con restaurantes galegos, nacionais —da Comunidade de Madrid, Euskadi, Cataluña, Andalucía e Comunidade Valenciana— e internacionais, así como con grandes empresas de distribución de enxoval para hostalería. Ademais da creación de pezas de uso cotián, como algunhas das vaixelas que se poden ver no bodegón da exposición, o proxecto impulsa o diálogo entre artesanía e gastronomía.
O próximo martes, 14 de outubro, celebrarase unha mesa redonda na que participarán cociñeiros e cociñeiras, artesás e a xornalista Macarena Navarro-Reverter para falar sobre Artesanía no Prato e sobre a última edición do libro homónimo, presentada este ano en Fitur.
A mostra poderá visitarse ata o 30 de outubro nas salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro da Casa de Galicia en Madrid, en horario de luns a sábado, de 10,00 a 14,00 h e de 16,00 a 20,00 h, e os domingos de 10,00 a 14,00 h. Estes horarios poderán sufrir modificacións en función da programación da Casa de Galicia.