A Casa de Galicia en Madrid presenta o Ciclo de Concertos de Barcia de Mera

Notas de prensa
06/10/2025
06/10/2025
10/06/2025

A Casa de Galicia en Madrid presenta o Ciclo de Concertos de Barcia de Mera

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do Ciclo de Concertos de Barcia de Mera, unha cita musical que cada verán enche de cultura o concello pontevedrés de Covelo. O acto estivo presidido polo director da Casa, Luis E. Ramos, quen deu a benvida ás asistentes e salientou o papel da sede da Xunta de Galicia en Madrid como espazo de proxección da cultura e da identidade galega.

O director agradeceu á directora artística do ciclo, Nieves García-Soto, por confiar na Casa de Galicia para presentar esta nova edición, e deu a benvida tamén á arpista Sara Águeda, “que con esas mans e coa súa sensibilidade fai soar como ninguén un instrumento tan delicado como a arpa”.

Durante a súa intervención, Luis E. Ramos puxo en valor o ciclo como unha proposta que conxuga música, patrimonio e turismo, convidando ao público a descubrir o interior da comunidade: “Ao dar a coñecer este ciclo musical, estamos servindo de plataforma de difusión cultural. Pero tamén lles estamos a propoñer un destino alternativo ou complementario: Covelo. "Convidámoslles a descubrir o noso patrimonio arquitectónico a través da igrexa de San Martiño de Barcia de Mera, un exemplo do noso Barroco, un escenario privilexiado cunha acústica espectacular”, engadiu.

Por último, destacou o papel da Casa de Galicia como ponte coa comunidade para todos aqueles que se atopan fóra dela: “Alá onde vaian en Galicia atoparán paisaxes, gastronomía, sensacións, música… unha terra acolledora á que estou seguro que quererán volver." 

O Ciclo de Concertos de Barcia de Mera conta cunha programación musical de calidade en espazos históricos e singulares, poñendo en valor o patrimonio material e inmaterial de Galicia, e consolidándose como un referente cultural da tempada estival.

10 Xuño 2025
Notas de prensa
Imaxes