A Casa de Galicia en Madrid presenta o libro “De madres a hijas. Recetas para no olvidar”
A Casa de Galicia en Madrid celebrou o Día internacional para a eliminación da Violencia contra a Muller coa presentación do libro De madres a hijas. Recetas para no olvidar, unha obra que reivindica a memoria gastronómica e familiar como parte esencial do patrimonio cultural galego. O acto estivo presidido polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e contou coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez.
Durante a súa intervención, Ramos salientou a importancia deste libro que "pon en valor a nosa cultura a través das historias cotiás transmitidas de xeración en xeración”, e destacou que iniciativas deste tipo encaixan plenamente “coas misións que ten encomendadas a Casa de Galicia: promover a lingua, a cultura e a identidade de Galicia desde Madrid”.
Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua anunciou que esta publicación, editada inicialmente en galego, será o primeiro paso dunha futura colección dedicada a preservar e divulgar o patrimonio inmaterial galego a través de experiencias, relatos e tradicións vivas. García Gómez subliñou o valor de proxectos que “fortalecen a memoria colectiva e permiten que sigamos transmitindo unha Galicia emocional e cultural ás novas xeracións”.
Con esta presentación, a Casa de Galicia en Madrid reafirma o seu compromiso coa difusión cultural e coa promoción de iniciativas editoriais que contribúen a proxectar Galicia máis alá do seu territorio.