A Casa de Galicia en Madrid reduce o consumo de papel coa implantación de catálogos dixitais
A Casa de Galicia en Madrid impulsa unha nova iniciativa para reducir o consumo de papel nas súas actividades de difusión cultural. As exposicións que se celebran na representación institucional da Xunta de Galicia en Madrid son con carácter xeral "de papel cero" e o seu catálogo é dixital e interactivo, dispoñible tamén en formato PDF. Desta maneira, os artistas poden compartir facilmente o material promocional da súa obra a través das redes sociais. Os catálogos están albergados na sección de exposicións da páxina web da Casa de Galicia.
Para facilitar o acceso aos catálogos, as salas de exposicións exhiben códigos QR que conducen directamente aos arquivos de cada mostra nas súas dúas versións. O formato PDF é un arquivo descargable que se pode compartir con facilidade e albergar en calquera outro espazo dixital.
Actualmente, as exposicións de 'Cornamusas primitivas: historia das civilizacións', que se pode visitar na Sala Álvaro Cunqueiro, e a mostra de pintura de Alejos Lorenzo 'Bandeiras Naturais', instalada na sala Camilo José Cela, dispoñen dos novos catálogos dixitais da Casa de Galicia. A primeira vez que se implantou esta práctica foi na exposición colectiva do Grupo Basti, no mes de novembro.
Tras a dixitalización total dos catálogos, examinarase a dixitalización doutras publicacións menores da Casa de Galicia en Madrid para poder avanzar na redución do consumo de papel como compromiso ambiental.