A Casa de Galicia en Madrid súmase ás celebracións do segundo centenario do pasamento do matemático José Rodríguez

Notas de prensa
02/06/2025
02/06/2025
06/02/2025

A Casa de Galicia en Madrid súmase ás celebracións do segundo centenario do pasamento do matemático José Rodríguez

A Casa de Galicia en Madrid acolle desde hoxe a mostra itinerante 'José Rodríguez, o matemático de Bermés', unha iniciativa da Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Lalín na que se lle rende homenaxe ao científico dezano no marco do bicentenario do seu pasamento. 

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, inauguraron hoxe esta exposición nun acto no que tamén participaron o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema, e o matemático Juan José Nieto en representación da Universidade de Santiago de Compostela. 

Luis E. Ramos destacou na súa intervención que "dous séculos despois, recuperamos a memoria do primeiro científico galego que tivo unha dimensión internacional" e reivindicou o seu recoñecemento como referente galego no ámbito da ciencia. Así o recoñeceu tamén a Real Academia de Ciencias Galega, que no pasado ano otorgoulle a José Rodríguez o recoñecemento como 'Científico Galego do ano 2024'.

A mostra itinerante, que pode visitarse ata o 28 de febreiro na sala Emilio Pardo Bazán da Casa de Galicia na capital de España, ten como obxectivo divulgar e dar a coñecer a figura e a obra deste intelectual que co seu talento contribuíu ao desenvolvemento científico da súa época. Os visitantes que se acheguen teñen á súa disposición un percorrido gratuíto pola vida e contribucións científicas do Matemático Rodríguez a través de paneis explicativos, documentos históricos e audiovisuais. Non en balde, o astrónomo de Bermés foi unha das grandes figuras da Ilustración galega, cuxo traballo situou Galicia nos principais debates científicos internacionais do seu tempo grazas aos estudos no eido das matemáticas e a astronomía.

A exposición ‘José Rodríguez, o matemático de Bermés’ estará aberta na sala Álvaro Cunqueiro ata o 28 de febreiro de 2025. Horario de visitas de luns a sábado de 10,00h. a 14,00h. e de 16,00h. a 20,00h. e os domingos e festivos de 10,00h a 14,00h. Este horario pode sufrir modificacións a causa da actividade da Casa de Galicia. 

06 Febreiro 2025
Notas de prensa
Imaxes