A Casa de Galicia, escaparate da pescada de pincho, do bonito do norte e do peixe espada do Porto de Burela en Madrid

Notas de prensa
12/17/2024
12/17/2024
17/12/2024

A Casa de Galicia, escaparate da pescada de pincho, do bonito do norte e do peixe espada do Porto de Burela en Madrid

A representación da Xunta de Galicia na capital de España acolleu un acto da OPP de Burela que puxo en valor a orixe, calidade e propiedades nutritivas dos produtos do mar de Burela e a sustentabilidade das artes de pesca empregadas polo mariñeiros galegos

A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7), nun acto presidido polo director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, que destacou que "o sector pesqueiro é vital para Galicia". No acto participou tamén o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, Sergio López.

O director xeral puxo en valor as iniciativas impulsadas por esta OPP no marco do plan de produción e comercialización anual cofinanciadas pola Xunta de Galicia, e que contribúen a avanzar na trazabilidade dos produtos da pesca e o acceso dos consumidores á información clara e completa. Tamén destacou a importancia destas accións para promocionar o consumo de peixe nas que, ademais, resáltanse os beneficios que presenta a inclusión destes alimentos na dieta da cidadanía para a saúde e benestar.

Esta iniciativas, cofinanciadas pola Consellería do Mar, destacan a orixe do produto, a súa calidade gastronómica, as súas cualidades saudables, así como a sustentabilidade das súas artes de pesca. Entre as accións promocionais desenvolvidas nos últimos anos destacan as dirixidas ao fomento do consumo de peixe entre a poboación máis nova, a concienciación sobre hábitos alimentarios nos pais, ou as mensaxes dirixidas á poboación senior sobre os beneficios de incluir produtos do mar na dieta.

A presentación pechouse coa degustación gastronómica “Peixe de Burela”, con algunhas das principais especies pesqueiras das frotas de Burela: pescada de pincho, bonito do norte e peixe espada. A elaboración das receitas correu a cargo do galego Miguel Vidal, chef do restaurante Morgana de Madrid.

Esta actividade enmárcase en 'La mar de buena. Galicia', a programación do mes de decembro da Casa de Galicia para promocionar en Madrid o sector pesqueiro galego.  

17 Decembro 2024
Notas de prensa
Imaxes