A Casa de Galicia presenta a obra 'El camino de Santiago. El libro olvidado de 1965' de Álvaro Cunqueiro
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, presentaron na Casa de Galicia de Madrid a obra 'El Camino de Santiago. El libro olvidado de 1965 de Álvaro Cunqueiro', da editorial Alvarellos, impulsada polo Goberno galego para enriquecer a biblioteca sobre temas do Camiño. Ambos puxeron en valor a experiencia e a perspectiva do Camiño de Santiago narrada por un dos grandes da literatura galega como foi Álvaro Cunqueiro.
Durante a súa intervención, Ramos destacou a importancia de rescatar esta obra, "que caeu no esquecemento despois da súa publicación e que agora, grazas a Alvarellos Editora e a Turismo de Galicia, podemos volver a ter nas nosas mans".
Xosé Merelles subliñou tamén que precisamente a publicación inicial desta obra de Cunqueiro en 1965 foi para divulgar o Camiño de Santiago co gallo da celebración daquel ano santo, efeméride “que reorientou a motivación dos peregrinos” ao sumar, por primeira vez, outras razóns de carácter cultural e turísticas. Ademais, aquel ano realizáronse numerosas obras para mellorar o Camiño e os monumentos dos seus arredores e para aloxar aos peregrinos, inaugurándose a primeira infraestrutura de acollida en Santiago para peregrinos.
A reedición desde libro forma parte dos esforzos da Xunta de Galicia para enriquecer a bibliografía sobre o Camiño de Santiago, facilitando así o acceso a textos fundamentais que contribuíron a consolidar a súa importancia na cultura europea.