A Casa de Galicia reafirma o seu compromiso con festivais galegos coa presentación do "Espírito Ribeiro"

Notas de prensa
06/11/2025
06/11/2025
11/06/2025

A Casa de Galicia reafirma o seu compromiso con festivais galegos coa presentación do "Espírito Ribeiro"

A sede institucional da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación da nova edición do Festival Espírito Ribeiro, un evento musical que se desenvolverá no mes de xuño no corazón da comarca do Ribeiro. O acto estivo presidido polo director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.

Ramos destacou a importancia deste tipo de festivais como exemplo de dinamización cultural, económica e turística do rural galego. “Estes ciclos de concertos mostran o potencial que temos como territorio creativo, cunha oferta cultural de calidade e cunha capacidade de organización admirable por parte dos concellos participantes”, sinalou tamén que “O festival Espírito Ribeiro representa esa Galicia que suma, que se entende e que traballa conxuntamente para poñer en valor o noso patrimonio natural, vinícola e musical”.

O director de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, fixo referencia á importancia desde festival para impulsar o turismo na comarca do Ribeiro, ademais apuntou que “neste festival únese todo o que Galicia  ten que ofrecer, produtos de Artesanía de Galicia, de Galicia Calidade e da Denominación de Orixe do Ribeiro, que fan do festival Espírito RIbeiro una experiencia para todos os sentidos.

O Festival Espírito Ribeiro, que este ano se celebra no concello de Castrelo de Miño, conta cunha programación que combina propostas musicais de primeiro nivel con espazos singulares vinculados á paisaxe, á viticultura e ao patrimonio da comarca. Trátase dunha iniciativa que une territorio, tradición e vangarda nun formato que cada ano gaña novo público e consolidación. 

Con esta presentación péchase un ciclo que ao longo deste mes de xuño acolleu no mesmo espazo a presentación dos Concertos do Xacobeo, do Ciclo de Concertos de Barcia de Mera e do Festival Groba.

11 Xuño 2025
Notas de prensa
Imaxes