A Casa inaugura a nova tempada coa exposición "Retallos de melancolía" de Ángeles Mera
A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia inaugura a nova tempada coa exposición "Retrincos de melancolía" de Ángeles Mera, na que a pintora viguesa ofrecerá a súa obra máis recente. Na ampla mostra, composta por un total de 42 óleos que ocupan as Salas A e B da Casa, predominan as paisaxes, especialmente as galegas, que a artista logra plasmar coa súa cálida e persoal percepción, dacabalo entre o impresionismo e o realismo.
No acto interviñeron o coordinador de Actividades da Institución, Ramón Jiménez, -en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega-; María Jesús Martínez de Aguirre, amiga da autora e coñecedora da súa obra; e a propia artista, Ángeles Mera.
Nas súas palabras, Ramón Jiménez lembrou que Ángeles mostrara xa a súa obra nesta Casa, en xullo de 2011, cunha mostra titulada "O tanxible e o inasible". "Xa entón puidemos refrescar a mirada nos fermosísimos bosques e paisaxes galegos que nos trouxo, unhas obras salpicadas de auga, flores e árbores. Con igual gratitude recibimos agora o frescor da renovada atmosfera atlántica con que nos obsequia", dixo, "un agasallo que se agradece especialmente nun día como hoxe en que as rúas desta cidade arden sen compaixón para os seus transeúntes".
Jiménez deu paso a María Jesús Martínez de Aguirre e na súa presentación destacou que ademais de amiga persoal da autora, é cantante, e comentou a súa pertenza ao famoso trío "Lalalá", -o de Massiel cando gañou o Festival de Eurovisión en 1968-. Martínez de Aguirre leu un texto escrito ex profeso por Francisco de Pablos, da Real Academia de Belas Artes. Nel, de Pablos sinala que "Autenticidade sería a máis cabal cualificación para a pintura de Ángeles Mera, porque é como ela mesma: sinxela, intimista, un pouco melancólica, próxima á realidade, á referencia inmediata en calquera ámbito da Galicia rural ou mariñeira".
Tamén a describe como: "Pintura meditada, pausa dunha dimensión nova de ser e de descubrirse a se mesma, Ángeles Mera realízase desta maneira nun xogo cromático altamente expresivo composto de múltiples sensacións que ela vai descubrindo a medida que se penetra nos seus cadros. Lugares e presenzas, plasmados con sincera e quente expresividade, a paisaxe resulta particularmente armoniosa de luces e cores, nunha narración equilibrada de volume, luces e sombras". Noutro momento subliñou que "Quen coñeza este entrañable país que é Galicia, e o ame, espontanea ou razonadamente, crerá ante as paisaxes de Ángeles Mera que coñece o lugar que reflicte".
Pola súa banda, a pintora, tras os agradecementos engadiu: "desexo que gocedes da miña pintura, que puiden realizar grazas ao compañeiro e profesor que tiven, Carlos Fernández Iglesias. Desde aquí, un recordo para el".
"Reallos de melancolía" poderá ser visitada ata o día 29 de setembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas