Castes Madrid chega á Casa de Galicia como un encontro de viños galegos e madrileños

Notas de prensa
05/13/2025
05/13/2025
13/05/2025

Castes Madrid chega á Casa de Galicia como un encontro de viños galegos e madrileños

A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación da primeira edición da feira vitivinícola Castes Madrid, unha iniciativa que busca reforzar a proxección dos viños galegos no mercado estatal, poñendo en valor a súa calidade e singularidade.

O acto, presidido polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, contou coa presenza do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; da deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra e alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; e do alcalde de Vilagarcía de Arousa e presidente da FEGAMP, Alberto Varela, así como do promotor do certame, José Dieste.

Durante a súa intervención, Ramos deu a benvida aos asistentes e destacou a importancia de iniciativas como a desta feira vitivinícola que "pon en valor uns dos nosos mellores embaixadores: os viños galegos". Ademais remarcou o crecemento que os viños de Galicia están a ter fora das fronteiras galegas: "Cando un viño galego sae da nosa terra, conquista padais e mercados, así o fixo o Albariño Rías Baixas e, hoxe en día, cando piden un branco en Madrid, raro é que non lles ofrezan un godello, pero temos que conseguir que ese godello que se pida sexa galego"

Castes Madrid celebrarase do 13 ao 17 de xuño cunha variedade de actividades en distintos escenarios, incluído o Túnel do Viño na Casa de Galicia o 17 de xuño. Con estas iniciativas, Castes Madrid pretende consolidarse como un referente para o sector vitivinícola galego, facilitando o encontro entre adegas, distribuidores, hostalaría e medios especializados, así como a divulgación da cultura do viño entre o público consumidor.

13 Maio 2025
Notas de prensa
Imaxes