"Cátedra China" celebra unha reunión de traballo na Casa de Galicia con Javier Serra, exconsejero da Embaixada de España en China
Unha vintena de membros da asociación Cátedra China, formada por expertos en relacións hispano-chinesas, cuxo obxectivo é favorecer as relacións entre ambas as nacións, celebrou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia unha reunión de traballo con Javier Serra, conselleiro da Embaixada de España en China entre 2011-2016 e conselleiro comercial en China 2002-2007. O propósito da reunión foi tratar a evolución do marco económico e de negocios en China, en especial desde a perspectiva da empresa española.
Ao experto e aos membros da asociación, que vicepreside o galego Víctor Cortizo, deulles a benvida o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López, quen lembrou outros traballos similares na Casa e mesmo a presenza nela do embaixador de China en España.
Posteriormente, Javier Serra fixo a súa exposición sobre o que está a ocorrer en China e como afecta a España desde a perspectiva económica e empresarial. Enrique Fanjul, membro do Claustro Senior de Cátedra China, moderou o coloquio/debate que se produciu tras a exposición.
O acto foi convocado para un grupo reducido e selecto de persoas membros e amigos de Cátedra China, con intereses nas relacións empresariais e comerciais España-China. Entre eles destacou a presenza de Enrique López Galán e Jesús Orellas Valdés, da Subdirección Xeral de Promoción Económica e Desenvolvemento Empresarial, da área de Goberno de Economía e Facenda do Concello de Madrid.
Os membros de Cátedra China teñen unha dilatada experiencia en todos os ámbitos das relacións entre ambos os países, empresarial, institucional, académico e xurídico, entre outros.