"Cinco visións plásticas", mostra pictórica colectiva de cinco artistas galegos na Casa de Galicia en Madrid

Notas de prensa
09/07/2011
09/07/2011
07/09/2011

"Cinco visións plásticas", mostra pictórica colectiva de cinco artistas galegos na Casa de Galicia en Madrid

"Cinco visións plásticas", as dos artistas galegos Beatriz Ansede, José Cabello, Yolanda Carbajales, García Rey e Nito Pereiro, forman a mostra pictórica colectiva que se exhibe nas tres salas de exposicións da Casa de Galicia en Madrid dende hoxe e ata o próximo día 30, coa que a Casa inicia as súas actividades culturais correspondentes ao último cuadrimestre do ano.

Madrid, 7 de setembro de 2011.- "Cinco visións plásticas", as dos artistas galegos Beatriz Ansede, José Cabello, Yolanda Carbajales, García Rey e Nito Pereiro, forman a mostra pictórica colectiva que se exhibe nas tres salas de exposicións da Casa de Galicia en Madrid dende hoxe e ata o próximo día 30, coa que a Casa inicia as súas actividades culturais correspondentes ao último cuadrimestre do ano.

Os pintores, presentes na inauguración que tivo lugar esta tarde, foron presentados polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen destacou que "cada artífice que chegou ao punto de inflexión, e por conseguinte sen retorno, a partir do cal se consolida como artista, alcanza o don dunha voz propia e única que o diferencia dos demais; e este é o caso das cinco persoas que hoxe nos obsequian co regalo da súa arte".

Jiménez fíxose eco dalgunhas apreciacións do académico de Belas Artes Francisco Pablos para o prólogo do catálogo da exposición, no que se refire aos pintores como "cinco plásticos non noveis, senón xa callados e coñecidos en numerosas exposicións, colectivas ou individuais, convencidos de que é preciso mostrarse na praza que é rompeolas das Españas".

Os cadros e os seus autores
Tamén recolleu a presentación que Pablos fai dos pintores sinalando que "nos acompañarán este mes os cadros de Beatriz Ansede, coruñesa residente en Vigo, co seu toque postimpresionista abstractivo; os do internacional José Cabello, posuidor dunha pincelada vibrante e cremosa, de paleta luminosa e seguro debuxo implícito, amante das paisaxes segundo o seu xeito de entender o impresionismo e das vellas e románticas cidades monumentais; os de Yolanda Carbajales, ourensana de Caracas, nos que a súa autora combina a inspiración coa nobre artesanía do tórculo nos seus gravados de debuxo preciso e minucioso; os do ferrolano García Rey, un experto acuarelista que a través de tan difícil técnica nos achega unhas paisaxes que son verdadeiros estados da alma; e os do porriñés Nito Pereiro, de realidades enganosas nos que a fantasía nos proporciona idealizacións orientais.

En nome de todos os pintores da exposición, Beatriz Ansede agradeceu o acollemento que tiveron na Casa e ofreceu o público que asistiu ao acto a posibilidade de que cada autor respondese ás preguntas que xurdisen sobre a súa propia obra pois, valorou, "cada un de nós estamos a falar aquí coa nosa obra e ninguén mellor que o autor para explicala".

07 Setembro 2011
Notas de prensa
Imaxes