A conselleira Ánxeles Vázquez anuncia na Casa de Galicia que a Xunta impulsará en 2025 unha nova reserva da biosfera
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, anunciou esta tarde na Casa de Galicia en Madrid que a Xunta impulsará en 2025 a candidatura da oitava reserva da biosfera de Galicia. Esta reserva terá como núcleo o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, pero estenderá a súa área de influencia desde Porto do Son ata Baiona, sumando máis de 90.000 hectáreas, o 92% delas marítimas.
Ánxeles Vázquez fixo este anuncio durante a súa conferencia sobre 'Patrimonio natural de Galicia, os nosos soutos e castiñeiros', dentro do programa de actividades 'Toma castaña. Galicia', que se desenvolve no mes de outubro.
A titular de Medio Ambiente referiuse ao Catálogo de árbores senlleiras de Galicia, que inclúe 22 castiñeiros e formacións arbóreas, unha delas é a Fraga de Catasós, en Lalín. Ánxeles Vázquez puido viaxar virtualmente ata alí a través do Galiverso, unha experiencia inmersiva que está ao dispor do público durante todo o mes na Casa de Galicia en Madrid.