A conselleira Martínez Allegue reivindica na Casa de Galicia en Madrid as medidas da Xunta para incrementar a oferta de vivenda pública
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas reivindicou hoxe na Casa de Galicia en Madrid as políticas de vivenda e infraestruturas da Xunta. María Martínez Allegue participou nun acto con representantes das principais organizacións da construción e da arquitectura a nivel nacional no que estivo acompañada polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto.
Martínez Allegue explicou que “estamos a construír xa a Galicia do futuro: máis humana, na que o acceso á vivenda digna e a un prezo accesible non sexa un problema, e unha Galicia mellor conectada" e engadíu que "o compromiso da Xunta é firme” tal e como referenda o orzamento da Consellería para o ano 2025, cunha dotación de 513M€. A conselleira fixo un chamamento á “colaboración público-privada” para acadalo.
No eido das infraestruturas, Martínez Allegue lembrou os esforzos da Xunta para incrementar en 220 os quilómetros de vías de altas prestacións desde 2009. Isto permite que o 85% dos galegos se atope a menos de 15 minutos deste tipo de viarios. Tamén salientou o investimento para eliminar treitos de concentración de accidentes e para a conservación e mellora da rede viaria autonómica: “son estradas verdes, seguras e eficientes”.
Ao acto organizado pola Casa de Galicia en Madrid asistiron representantes dunha vintena de colectivos, entre eles Seopan (Asociación de Empresas Construtoras e Concesionarios de Infraestruturas), ACEX (Asociación de Empresas de Conservación e Explotación de Infraestruturas), Cepco (Confederación Española de Asociacións de Fabricantes de Produtos de Construción), a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid AEGAMA, a Confederación Nacional da Construción, o Colexio Oficial de Arquitectos, Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Madrid, a Asociación de Promotores e Construtores de Cantabria, ou a Cámara de Contratistas de Castela e León.
O director da Casa de Galicia agradeceulles a todos a súa presenza neste acto que se celebrou dentro do programa 'Capital industrial. Galicia'. Luis E. Ramos destacou na súa intervención a solvencia coa que traballa o goberno da Xunta.