"Creando Especies", singular exposición do artista Herikberto M. Quesada na Casa de Galicia en Madrid
Herikberto M. Quesada, artista conceptual galego interesado na ficción e na evolución biolóxica, que se define como "un creador de especies", inaugurou hoxe nas instalacións da Casa de Galicia en Madrid unha singular e inquietante exposición de pintura, escultura e fotografía dixital na que recrea estrañas criaturas e deseños biolóxicos, mesmo a autopsia dun extraterrestre, seres que protagonizan gran parte da mostra, que poderá verse ata o 29 de xaneiro de 2011.
Madrid, 12 de xaneiro de 2011. Herikberto M. Quesada, artista conceptual galego interesado na ficción e na evolución biolóxica, que se define como "un creador de especies", inaugurou hoxe nas instalacións da Casa de Galicia en Madrid unha singular e inquietante exposición de pintura, escultura e fotografía dixital na que recrea estrañas criaturas e deseños biolóxicos, mesmo a autopsia dun extraterrestre, seres que protagonizan gran parte da mostra, que poderá verse ata o 29 de xaneiro de 2011.
Respecto á súa obra, o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, apreciou que Quesada, como Picasso, non pinta as cousas como as ve senón como as pensa e que "creou un mundo novo, sen fronteiras; un mundo orixinal, apaixonado, mesmo cheo de impacto, un mundo sorprendente e transfronteirizo,". Tamén resaltou do autor que é un artista que rompe moldes e crea espazos orixinais cunha obra atípica.
O xornalista e escritor Alfonso Palomares presentou a Quesada como un "autor perturbador, axitador e forasteiro da lóxica, por iso cando empezou a estudar en Belas Artes, marchou". "Nunca se logrou tanto co fracaso escolar como comigo", replicou o artista, quen noutro momento comentou o seu presentador que se ve a si mesmo "como un alienígena".
Palomares tamén destacou a análise que sobre a evolución das especies realiza Quesada na súa obra, "obra coa que se pode conversar; fálanos do concepto cun vigor e unha forza asombrosa". Recordou ademais que o autor desta exposición pertence a unha familia de artistas, "con Jaime Quesada como un dos grandes referentes da pintura de Galicia".
Arte con elementos de ficción
Pola súa banda, o artista explicou que a exposición reflicte a súa preocupación dos últimos anos, a evolución biolóxica, e que aplica á arte o sistema que usa a natureza: a repetición modular a través da que se crean variacións. Quesada tamén subliñou que nas súas actuacións delimita claramente o que é ciencia, bioloxía, do que é ficción e do que é arte. "Esta exposición é arte, aínda que nela haxa elementos de ficción", aclarou. Confesou ademais que lle obsesiona a idea de que noutros planetas haxa seres semellantes a nós e que ten a intuición de que "o universo é máis parecido que diferente ao que hai aquí".
Finalmente interveu o xornalista Heriberto Quesada, tío do artista, quen afirmou que Herikberto "é o máis orixinal da familia" de creadores á que pertence.