A deseñadora galega de xoias Marta Oliveira dá o salto a Madrid para dar a coñecer as súas últimas creacións baixo a súa propia firma
Madrid, 20 de outubro de 2011.- A promoción apoio e difusión de empresas e produtos galegos en Madrid está entre os obxectivos que ten a Institución galega na Capital de España. O acto que acolleu esta mañá está enmarcado neste apartado, ao que a Casa presta especial atención. Trátase da presentación da nova colección da deseñadora de Vigo Marta Oliveira, "un exemplo de artista emprendedora", en palabras da Coordinadora de Actividades da Casa, Ana Rodríguez Barrena, encargada da presentación pola ausencia do delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, que se encontra no estranxeiro.
No acto interviñeron tamén o director de comunicación da empresa, Antonio Saborido e a deseñadora, Marta Oliveira. Saborido expuxo parte da traxectoria da artista, "cuxa vea artística forma parte da tradición familiar, pois é filla de Juan Oliveira, sen dúbida un dos escultores con máis forza das últimas décadas. Forza que herdou Marta quen a partir da súa gran paixón, a pintura, iniciou unha incansable busca para conseguir plasmar as tres dimensións na súa obra, e utilizando para iso os marabillosos elementos que achega a natureza".
Saborido comentou tamén que Marta, "tras realizar estudos de xoiaría e xemoloxía empezou un traballo de combinación das xemas -xades, turquesas e ametistas, entre outras- nos seus estados máis puros co clasicismo e elegancia da prata e as perlas barrocas naturais. Este novo concepto representa unha verdadeira revolución dentro da arte do deseño. Un salto conceptual na imaxe da muller activa, segura e emprendedora".
Para a artista, que principiou a súa carreira deseñando para outras firmas e só hai dous anos que o fai para a súa propia colección, "as miñas pezas, que son únicas e exclusivas, están dirixidas a persoas que non acatan a presión dos convencionalismos que nos impoñen o tipo de complementos que debemos usar segundo as ocasións que nos corresponde vivir; como que as perlas son para os momentos mais formais ou protocolarios". A idea de Marta é que unha mesma peza poida ser utilizada en calquera ocasión e sempre quede ben, "tanto cun espectacular traxe de noite coma cunha camiseta e vaqueiros, para unha reunión de amigos ou unha xornada laboral, porque están pensadas para a vida que levamos agora".
Actualmente as súas pezas están a alcanzar difusión en diferentes puntos da xeografía española, pero "é a primeira vez que facemos unha presentación como tal e a grande acollida que estamos a ter en moi pouco tempo é o que nos animou a realizar este acto".
Seguindo os criterios xerais da empresa, que a obra non perda en ningún momento a forza da creación persoal e individualizada, así como a súa factura absolutamente artesá, a comercialización realízase dunha forma persoal e individualizada, mediante responsables de área, absolutamente implicados no proxecto, ata chegar ao seu punto de venda final que son as xoiarías. Máis información en www.martaoliveira.net