A economía centra a nova programación da Casa de Galicia en Madrid

Notas de prensa
11/05/2024
11/05/2024
05/11/2024

A economía centra a nova programación da Casa de Galicia en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a inauguración da programación do mes de novembro 'Capital Industrial. Galicia', dedicada á economía e á industria galegas. A exposición pretende ser unha aproximación á realidade económica e empresarial de Galicia. 

A sala principal do Palacio de Amezúa acolle a exposición 'O sector naval galego, un mar de esforzo, talento e paixón', con maquetas dalgúns dos buques construídos nos estaleiros galegos e que están á vangarda da construción naval.

O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, afirmou que "somos os mellores do mundo na construción de barcos", e destacou o peso que este sector ten na economía galega, "achega o 5% á riqueza de Galicia e emprega a 26.000 persoas".

Turismo industrial

No acto de inauguración, o director da Casa de Galicia estivo acompañado polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, que puxo o foco nas múltiples posibilidades que ofrece a Ruta da Construción Naval de Ferrol, "desde coñecer unha fragata da Armada Española ata descubrir buques gaseros en reparación".

Tamén participou no acto o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Gonzalo Villar, que resaltou o gran avance dos estaleiros ferroláns, o seu importante traballo na construción dalgúns dos buques do exército español e tamén puxo en valor os museos militares que se poden visitar nesta ruta.

A bodega Paco & Lola, da D.O. Rías Baixas e certificada co selo de Galicia Calidade, participa na exposición como outro exemplo de turismo industrial. Neste caso certificado tamén co Q de Calidade Turística. Paco & Lola é unha cooperativa de máis de 400 socios que reproduce na Casa de Galicia a experiencia turística que ofrece na súa bodega.

Na exposición tamén se pode contemplar outras propostas de turismo industrial, como a visita ás fábricas de Sargadelos, o museo MEGA de Estrella Galicia, o Museo Massó de Bueu, ou as plantacións de té de Orballo en Paderne.

"Capital industrial. Galicia" estará aberta ata o 29 de novembro e poderase visitar de luns a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e os domingos de 10:00 a 14:00 horas. Estes horarios poden sufrir modificacións polas actividades paralelas desta programación. 

05 Novembro 2024
Notas de prensa