El secreto de La Perfección, a última obra de Lola Fernández, preséntase na Casa de Galicia en Madrid
A Sala Emilia Pardo Bazán da Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación da obra El secreto de la Perfección, a nova novela da xornalista e escritora galega Lola Fernández Pazos. O acto contou coa participación de Javier García Vila, director da axencia Europa Press.
O director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, presidiu o evento e subliñou a vinculación da obra con Galicia, sinalando que "con El Secreto de la Perfección, Lola sitúanos en Bueu, en Cangas, pero tamén aquí, en Madrid e en Uruguai, un dos destinos da emigración galega". Ademáis apuntou que "a novela achéganos á realidade dos anos vinte e introdúcenos nunha conserveira hoxe convertida en museo, integrada na rede museística da Xunta de Galicia".
A novela narra a historia de Lúa Cid, unha muller que, tras contraer matrimonio cun xornalista uruguaio, comeza a ter inquietantes soños que a levan a descubrir un secreto familiar oculto durante xeracións. A súa investigación condúcea aos anos vinte do século pasado e á vida de Elvira Fandiño, unha moza galega empregada na conserveira A Perfección de Bueu, que soñaba cun futuro mellor alén do Atlántico. A través destas dúas protagonistas, separadas por un século e por un océano, a autora constrúe un relato no que se entrelazan memoria, identidade e emoción.
A presentación tivo lugar no marco da exposición fotográfica A Vía da Prata, actualmente aberta ao público na sede da Casa de Galicia. Ramos aproveitou a ocasión para convidar os asistentes a continuar participando nas actividades da Casa de Galicia e a descubrir Galicia a través da súa diversidade patrimonial, histórica e creativa.