Elías Cochón Rei trae a súa "abstracción constructivista" á Casa de Galicia en Madrid
Elías Cochón Rei trae á Casa de Galicia en Madrid a "abstracción constructivista" da súa escultura e a "pictoescultura" dos seus cadros, termos cos que el mesmo se refire ao seu traballo, na exposición "Building", dedicada á memoria dos seus pais, que foi inaugurada hoxe coa participación de Mario Conde e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, quen resaltou a notable forza expresiva da escultura de Cochón Rei e a orixe do artista, Vilagarcía de Arousa. A mostra estará nas instalacións da Casa de Galicia ata o próximo 28 de outubro.
Madrid, 5 de outubro de 2011. - Elías Cochón Rei trae á Casa de Galicia en Madrid a "abstracción constructivista" da súa escultura e a "pictoescultura" dos seus cadros, termos cos que el mesmo se refire ao seu traballo, na exposición "Building", dedicada á memoria dos seus pais, que foi inaugurada hoxe coa participación de Mario Conde e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, quen resaltou a notable forza expresiva da escultura de Cochón Rei e a orixe do artista, Vilagarcía de Arousa. A mostra estará nas instalacións da Casa de Galicia ata o próximo 28 de outubro.
Trátase da primeira exposición de Cochón Rei en España dende 2009 e da primeira que realiza en Madrid, despois de expoñer en distintas cidades españolas e en varios países (Alemaña, Suecia, Italia, Suíza, Emiratos Árabes e EUA) e preparar unha itinerante para a primavera de 2012 que percorrerá as cidades xaponesas de Tokyo, Kioto e Hiroshima. O artista explicou da súa escultura que "rehusa o formalmente académico e violenta o figurativismo, enfrontándose ao conformismo óptico" e que “destaca o descaro, a perplexidade e, sobre todo, a arquitectura, espazos atemporais,". Nela domina a fundición de ferro, bronce e aluminio, que ás veces mestura, con pedra e madeira.
Da súa pintura tamén destacou o afastamento do figurativismo e o uso de óxidos e circonios. "Nada de formalismo nin conservadorismo, pura provocación; violenta os idealismos enfrontándose ás hexemonías".
Para Mario Conde, presentador da exposición e prologuista do seu catálogo, a esencia da arte é "a capacidade de emocionarnos no diálogo coa obra", algo que, di, consegue ao contemplar a obra de Cochón. "Ese sentimento de certo escapismo do real, e a conseguinte emoción gozosa, xérase no meu interior cando considerei a obra escultórica e pictórica de Elías Cochón", afirma. "Conviven nela unha rebelión fronte á excesiva rixidez clásica da forma, cun respecto á linealidade que se manifesta no emprego de rectas e algún círculo de rigoroso trazo", aprecia.