Emilio Rúa ofreceu na Casa o concerto "Destino Sur" cos temas do seu último disco

Notas de prensa
09/25/2014
09/25/2014
25/09/2014

Emilio Rúa ofreceu na Casa o concerto "Destino Sur" cos temas do seu último disco

A Casa acolleu hoxe o recital de voz e guitarra "Destino Sur", que ofreceu o cantautor ourensano Emilio Rúa, que conta con máis de 30 anos de traxectoria musical. O concerto incluíu temas marcados pola influencia da música pop-folk galega, inédita e versionada, que están no seu último traballo discográfico publicado co mesmo nome, e que naceu no sur de Galicia (Ourense) pero que ten tamén toques do sur situado ao outro lado do Atlántico, en USA.

A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez e nas súas palabras sinalou que "este Recital coincide coa aparición este mesmo ano 2014 no mercado do seu último disco, conformado por 13 cancións en lingua galega que na súa maioría fan referencia á paisaxe e a simboloxía da terra, que falan do que é e foi Galicia sempre, un lugar de poesía e evocación da Natureza".

Rúa foi debullando os diferentes títulos explicando a orixe que os inspirou, dende retallos da infancia cando de neno percorría pobos e lugares de Galicia e Portugal coa orquestra familiar; en experiencias vitais propias; ou as baseadas en cancións populares coñecidas por todos.

A Sala A da Casa encheuse de persoas de todas as idades que gozaron dos acordes da guitarra, a harmónica e a doce, suave, melodiosa ou intensa voz do intérprete, -segundo o tema-, e que fixo que os asistentes non deixasen de mover os pés para seguir o contaxioso ritmo das pezas musicais.

No concerto da Casa de Galicia incluíu tamén cancións de anteriores traballos, como "Despois de ti, a chuvia", que fixo en colaboración co escritor Xosé Carlos Caneiro; "Interior"; "Vida Miña" e o primeiro, do ano 2000, co seu nome como título. Jiménez fixo especial mención á canción "Vida miña", do disco do mesmo nome, que foi elixida no seu momento polos lectores do diario La Voz de Galicia como unha das dez mellores cancións galegas de todos os tempos.

Emilio Rúa contou tamén en anteriores traballos coa colaboración de importantes músicos, como Budiño; Guadi Galego e Quim Farinha, de Berrogüetto; Marcos Teira, de Marful; Carlos Castro, Lucía Pérez, Uxía, entre outros artistas invitados. E no pasado ano 2013 compartiu escena no Festival da Luz con Fito e os Fitipaldis, Rosendo, Carlos Núñez, Dover, Budiño... E antes fixérao con Pedro Guerra, Ismael Serrano, Uxía Pedreira, Luz Casal, Luis Tosar, Cómplices...

O coordinador de Actividades da Casa recordou na presentación algúns datos biográficos de Emilio e sinalou que que "Rúa é un artista dos que poderían definirse como de raza, deses que nin sequera se formulan buscar a súa vocación porque xa naceron con ela; e así, el leva percorrendo os camiños coa música dende a súa máis tenra infancia, pois aos sete anos de idade comezou a súa andaina artística no grupo musical Concorde Atenea, integrado polo seu pai e os seus catro irmáns, cos que viaxou por Galicia e as zonas limítrofes de Castela, Asturias e Portugal. Con estes antecedentes, como non ía prosperar Emilio, que xa en 1999 foi premiado no festival "Chuvia como risa furiosa", de Verín, o que propiciou a aparición do seu primeiro disco". Emilio alcanzou despois outras distincións, de ámbito nacional, de cantautores en galego, así como colaboracións co "Instituto Galego de Educación para a Paz" no documental "En Son de Paz" co tema musical "En nome dá Paz", incluído no CD "Vida Miña". Tamén colaborou na serie da Radio Televisión Galega "Chapa e Pintura"; e na longametraxe "Pradolongo" actuou e interpretou unha adaptación do seu tema "A Rianxeira", do seu disco "Vida Miña". Finalmente, interpretou os videoclips "Búscame", "Seres de ficción", "Interior" e "Chapa e pintura".

Tras varios bis, Rúa recibiu fortes aplausos e numerosas felicitacións pola súa "capacidade para transmitir en cada canción un anaco de Galicia", tal e como dixeron algúns emocionados mozos asistentes.

25 Setembro 2014
Notas de prensa