A empresa galega Summum Delicatessen presentou na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a súa nova marca, "Gran Reserva Galega"
A firma galega Summum Delicatessen, da que é directora-xerente Elena Pérez Pardo, presentou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a súa nova marca "Gran Reserva Galega", que nace coa misión de segmentar e seleccionar, baixo criterios de calidade, autenticidade e diferenciación, produtos de marca de orixe galega e como distintivo diferenciador para axuntar marcas que ofrecen produtos de excelencia e calidade, producidos e elaborados en Galicia. Este novo concepto ofreceu na presentación a unión de exclusivos produtos gourmet de orixe galega, unha lámina coa reprodución dunha das obras da pintora galega Eva Cancela e unha peza da afamada cerámica de Sargadelos nunha exclusiva caixa de agasallo.
Interviñeron no acto a responsable de Summum Delicatessen, Elena Pérez Pardo, o creador de Gran Reserva Galega, Rafael Enrique Garnelo, e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.
Ónega encomiou a iniciativa, os seus parámetros de calidade e presentación ao mercado e afirmou que "Elena está a crear novas formas de gozar dos manxares, de sabelos seleccionar e de sabelos elevar a categorías superiores" e agradeceulle que trouxese, "de novo, a este Madrid desaforado e caótico, os sabores delicados da nosa terra galaica".
Elena Pérez referiuse á Caixa Gran Reserva Galega Edición Limitada 2017 como "a principal novidade e o produto máis especial para regalar este ano". "Esta Caixa supón a oportunidade de poder gozar e saborear dun fascinante percorrido gastronómico e cultural por Galicia a través de dez referencias de prestixio", afirmou.
"Ao incorporar esta marca ao seu catálogo, Summum Delicatessen abre unha nova liña de negocio que se dirixe a satisfacer a demanda de agasallos exclusivos e orixinais. Agasallos de empresa pensados non só para a Campaña de Nadal senón destinados a cubrir a necesidade de dispoñer deste tipo de produtos ao longo de todo o ano. Agasallos personalizados e a medida", explicou a responsable de Summum Delicatessen.
Pola súa banda, Rafael Enrique subliñou a vocación da Caixa Gran Reserva Galega Edición Limitada 2017d de integración de produtos de marcas de orixe galega "dentro dun escenario común que actuará como fío condutor para representar a esencia de Galicia nun marco de tradición e modernidade".
"A Caixa Gran Reserva Edición Limitada pretende, tamén, chegar á alma das cousas, rescatando o que verdadeiramente importa e dando valor ao orixinal e innovador sen esquecer a idiosincrasia das xentes de Galicia; é por iso que a Caixa inclúe unha lámina coa reprodución orixinal da pintura ao óleo ´Feira do Gando´, obra da artista galega Eva Cancela, realizada en 1989", sinalou Enrique.
O acto pechouse cunha degustación de produtos gourmets elaborados en Galicia.
Máis información en www.summumdelicatessen.com.