Enxeñeiros químicos de Santiago reúnense na Casa con representantes doutras universidades para o proxecto "Novedar-Consolider"
"As nosas instalacións están á vosa disposición", dixo o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega aos integrantes do grupo de traballo, representado por Juan M. Lema, da Escola de Enxeñeiros Químicos da Unversidade de Santiago de Compostela. "Estamos encantados de servir á investigación e a ciencia e aquí atoparán sempre o noso apoio e colaboración". Pola súa banda, Lema expresou a súa "satisfacción, tanto polo ofrecemento como pola cálida acollida que sempre nos dispensan".
A xornada de traballo, que se iniciou á primeira hora e rematou pola tarde, convocou aos membros do Comité de Xestión do proxecto Novedar_Consolider, procedentes de distintas universidades (Universidade de Cantabria, Universidade de Barcelona, Universidade de Cádiz, CEIT de Guipuzkoa, Universidade de Valencia, Universidade de Xirona, Universidade de Valladolid, Universidade de Murcia, Technical University of Delft (Holanda) e University of Wageningen (Holanda), na Casa de Galicia en Madrid, convocados por Juan M. Lema (USC), coordinador do proxecto, co fin de valorar os resultados alcanzados ata o momento e establecer a actividade dos próximos meses. Lema explicou, que "entre os avances están as xornadas técnicas programadas para xullo; a coordinación dun libro que preparan coas conclusións; e outros encontros de traballo con directivos de empresas e responsables de axencias de auga para identificar puntos críticos para a implementación de novos sistemas de tratamentos"
O proxecto, concedido polo Ministerio de Ciencia e Innovación e dotado con 4.500.000 ?, iniciouse no ano 2007 co obxectivo de desenvolver as estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) do novo século baixo tres premisas: a mellora e recuperación da auga durante o proceso de tratamento, a redución enerxética e outros custos operacionales e a minimización da produción de lodos.