A exposición "In natura mundi" de Antonio Valverde estará na Casa ata o 28 de novembro
A sala B da Casa de Galicia acolle dende esta tarde a exposición " In natura mundi" do biólogo e artista Antonio Valverde, cuxas obras son unha persoal interpretación e visión do mundo natural. No acto de inauguración, o coordinador de actividades Culturales da Casa, Ramón Jiménez Pérez fixo referencia á especial percepción que ten o artista e como a escultura ou a fotografía son medios para expresala.
Tanto as esculturas coma as imaxes invitan a gozar das "superficies, texturas, luces, sombras e misterios que ofrece a natureza", entre eles está "a vitalidade e enerxía do granito", pedra que emprega con frecuencia.
Tamén logra Valverde plasmar a beleza coa serie de imaxes fotográficas en branco e negro que "xorde das formas e do claroscuro".
Antonio Valverde, tomou a palabra para agradecer a asistencia a cantas persoas acudiron á presentación e invitounas a gozar das súas obras, como el mesmo fai cando as crea.
A exposición poderá visitarse ata o 28 de novembro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, os días laborables. Domingos e festivos de 10 a 14 horas.