A exposición "Vigo no corazón de Madrid",de Ambel, primeira das mostras artísticas de 2012 na Casa de Galicia

Notas de prensa
01/10/2012
01/10/2012
10/01/2012

A exposición "Vigo no corazón de Madrid",de Ambel, primeira das mostras artísticas de 2012 na Casa de Galicia

A inauguración da mostra de Rafael Jiménez Ambel correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, e nas súas palabras sinalou como "Ambel nos achega na súa exposición a Vigo, cidade que retrata nos seus cadros coma se dunha persoa se tratase, mostrando os distintos aspectos das súas rúas, os seus barrios e os seus edificios segundo o seu humor e os distintos ceos que a iluminan de día e a escurecen de noite. Real e fantasmagórica, antiga e moderna, ascendente e descendente, horizontal na táboa do mar, goyesca nos monstros que a sobrevoan como caprichos, xeométrica e picassiana, redonda e acolledora en torno ás ostras da Pedra, vangoghiana ás veces nas súas cores coma se un vento de Levante os tivese arrastrado ata a paleta do pintor. E é que non en van Jiménez Ambel, afincado en Galicia, xurdiu do luminoso sur a través do Mediterráneo".

As obras de Ambel, amables e coloristas, son unha homenaxe a Vigo, a súa cidade de adopción, e reflicten a súa visión da realidade e como unha aparente orde esconde tamén, tras a primeira ollada, un aspecto caótico. É unha mirada persoal sobre os contrastes, e é capaz de mostrar no mesmo lenzo sólidos e fermosos inmobles, con grandes ampliacións e tremendos anuncios publicitarios.

 

Rafael Jiménez Ambel é doutor en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia. Diploma de Estudos Avanzados en Deseño na Enxeñaría e Comunicación Audiovisual e Publicidade pola Universidade de Vigo. Compaxina a actividade creativa e plástica coa docencia como profesor de debuxo no Instituto "Paralaia" de Moaña. Entre os recoñecementos que recibiu a súa obra destaca o premio de pintura de Huéscar (1968), premio de pintura Novo Centro (Valencia, 1984) e premio Experiencias Pedagóxicas, entre outros. Se ben a súa principal actividade creativa se centra na pintura, como valenciano en formación, presta tamén unha especial atención aos deseños relacionados coa cerámica.

 O catálogo, elaborado para a ocasión, conta co prólogo do crítico Francisco de Pablos, Da Real Academia de Bellas Artes e cunha nota biográfica asinada polo doutor en Historia da Arte e membro do Instituto de Estudos Vigueses, José Ramón Iglesias Vega.

 No acto, ademais de Jiménnez e o autor, interviñeron tamén o arquitecto Juan Reig, amigo e bo coñecedor da obra de Ambel, que comentou o interese do artista por "buscar na cidade unha perspectiva diferente". O colofón do acto púxoo a guitarrista Ana Reig, que ofreceu unha breve interpretación, coa que puxo unha nota musical na primeira mostra artística do programa previsto na delegación da Xunta en Madrid para o ano 2012.

Máis información da obra de Ambel http://www.ambel.com.es

A exposición poderá visitarse ata o venres, 28 de xaneiro, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas, de luns a sábados. Festivos e domingos: de 10 a 14 horas.

10 Xaneiro 2012
Notas de prensa
Imaxes