Fabiola García pon en valor na Casa de Galicia en Madrid o novo modelo de coidados de vangarda que sitúa a Galicia como un referente na atención ás personas maiores

Notas de prensa
12/05/2024
12/05/2024
05/12/2024

Fabiola García pon en valor na Casa de Galicia en Madrid o novo modelo de coidados de vangarda que sitúa a Galicia como un referente na atención ás personas maiores

A conselleira de Política Social e Igualdade explicou que este sistema aposta pola coordinación entre o ámbito sanitario e o social e ten como obxectivo “facer máis humanos e accesibles os centros residenciais”

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor hoxe na Casa de Galicia en Madrid o novo modelo de coidados implantado en Galicia e que ten conseguido situar á comunidade como un referente a nivel nacional na atención a persoas maiores. Así o destacou nun acto presidido polo director da representación da Xunta en Madrid, Luis E. Ramos, con representantes de entidades e empresas do sector sénior de toda España.

Durante a súa intervención, Fabiola García situou a Galicia como “sinónimo de estabilidade e rigorosidade” e fixo fincapé en que a Xunta de Galicia aposta por un modelo de atención ás persoas maiores “baseado nunha total coordinación entre o ámbito sanitario e o social”.

No acto detallou o novo modelo de coidados posto en marcha polo Goberno galego e que ten como obxectivo “facer máis humanos e accesibles os centros residenciais”. A conselleira explicou que este modelo está centrado en 4 piares básicos: a innovación asistencial, o aproveitamento das vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías, a transformación arquitectónica dos centros e a humanización dos coidados.

Entre as medidas postas en marcha destacou, entre outras, a implantación en todos os centros residenciais da historia clínica electrónica, a creación dun certificado de calidade, a elaboración dun censo común estandarizado para todas as residencias ou o desenvolvemento dun plan de formación continuo para os profesionais dos centros.

Ademais, a Xunta tamén ten apostado polo impulso da modernización tecnolóxica das residencias da rede pública autonómica coa instalación de monitores multiparamétricos para medir os datos de saúde dos usuarios, a dotación de habitacións intelixentes ou a implantación de novos sistemas de rehabilitación virtual. Nesta liña de melloras na atención, Fabiola García lembrou que proximamente crearanse dous centros de coidados intermedios en Santiago de Compostela e en Mos, nos que se atenderá a persoas que xa recibiron a alta médica pero que seguen necesitando coidados especializados.

Por último, lembrou o impulso que se ten dado á teleasistencia avanzada, coa dotación de dispositivos tecnolóxicos para mellorar a calidade de vida e autonomía dos galegos e galegas que se benefician deste servizo, e o desenvolvemento doutras medidas complementarias que buscan responder ás novas necesidades das persoas maiores: como a estratexia de soidade non desexada ou a estratexia contra o idadismo.

05 Decembro 2024
Notas de prensa
Imaxes