Feijóo destaca a fusión das caixas, o concurso eólico e a xestión austera e eficiente como exemplos de que "Os galegos queremos volver a falar hoxe para recuperar e consolidar a nosa prosperidade"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, no XX Aniversario da Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (AEGAMA), a fusión das caixas, o concurso eólico e a xestión austera e eficiente como exemplos de que "os galegos queremos volver a falar hoxe para recuperar e consolidar a nosa prosperidade".
Madrid, 13 de decembro de 2010.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, no XX Aniversario da Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (AEGAMA), a fusión das caixas, o concurso eólico e a xestión austera e eficiente como exemplos de que "os galegos queremos volver a falar hoxe para recuperar e consolidar a nosa prosperidade".
Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que calquera destes exemplos serve para pensar que Galicia está seguindo escrupulosamente o voso exemplo ?dixo en alusión aos empresarios galegos en Madrid- e que está pasando páxina a outros tempos de confusión e minifundismo gubernamental. Fomos a primeira comunidade autónoma en poñer sobre a mesa a urxencia dunha xestión austera nas administracións, da volta a un modelo verdadeiramente solidario entre as comunidades españolas, ou da necesidade de ser máis eficiente, por exemplo, no noso sistema sanitario. E, ao mesmo tempo, con grandes doses de ambición e sacrificio levantamos a operación económica máis importante da nosa historia recente ?a fusión das caixas- e o maior plan industrial ?o concurso eólico-".
Nese proceso de superación, o presidente do Goberno galego manifestou con satisfacción que Galicia se sinte acompañada, "entre outros, -resaltou- pola Comunidade de Madrid, que comparte con Galicia o ser unha das tres comunidades autónomas que pecha as súas contas con estabilidade presupostaria; ou dar máis facilidades aos emprendedores a través de incentivos fiscais, en lugar de obstáculos con subidas de impostos".
Feijóo afirmou que se tivera que equiparar a gran historia colectiva que construímos os galegos a un xénero literario pensaría nunha novela épica. "O galego loitou contra a súa condición xeográfica, loitou contra diversos xugos políticos e económicos, e loitou tamén contra os estereotipos que falaban dun pobo resignado e acostumado a deixarse levar polos acontecementos. Non faltaron heroes na fazaña que nos fixo saír vitoriosos desta triple batalla".
Neste sentido, subliñou que os galegos que foron e son emprendedores en Madrid non se deixaron vencer pola tendencia ao illamento ou pola férrea división das fronteiras; "ao contrario, -dixo- abriron os horizontes da nosa terra e, como tantos galegos noutras partes do mundo, a fixeron máis grande e universal". E avogou por aproveitar esa gran aportación "para afrontar o incerto momento que vivimos e construír un futuro máis sosegado no económico, no político e no social".
Por último, Feijóo amosouse convencido de que a gran maioría dos españois están unidos polo mesmo desexo de iniciar unha nova etapa histórica que converta as grandes incertezas en grandes esperanzas. "Non caiamos na tentación de crer que a angustia que se estende pola sociedade, polas familias, polas empresas, polos traballadores, é algo intrínseco a nosa forma de ser. Ese estereotipo tamén será fallido, como o era o dos galegos. E como entón, tamén a fortaleza e a decisión do pobo será máis forte que calquera circunstancia e calquera goberno desnortado", aseverou.