A Festa da Rosa de Mos enche de cor a Casa de Galicia en Madrid
A sede institucional da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación da Festa da Rosa de Mos, un evento que pon en valor as tradicións locais, o patrimonio cultural e a capacidade de proxección exterior dos concellos galegos.
O acto, presidido polo director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, contou coa participación da alcaldesa de Mos e senadora, Nidia Arévalo; da ex presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; e do director da Vuelta Ciclista a España, Javier Guillén, entre outras autoridades e representantes do tecido asociativo.
Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia deu a benvida aos asistentes lembrando que “hoxe presentamos unha festa global, nacida en 1973 para poñer en valor a Rosa dos Quirós, a rosa duns marqueses que podemos ver no escudo municipal.” Subliñou ademais que “a partir da extraordinaria beleza dunha rosa, Mos desenvolveu un programa festivo para todos os sentidos que inclúe a festa da empanada e o pan de millo.”
Luis E. Ramos destacou que para a Casa de Galicia é “un auténtico pracer acoller esta presentación” e aproveitou para poñer en valor a diversidade territorial e cultural do país: “Galicia é un paraíso en cada un dos seus 313 concellos e durante os 365 días do ano. Busquen o que busquen, atoparano con etiqueta Galicia Calidade.”
O director tamén fixo fincapé no carácter hospitalario do pobo galego e na súa capacidade para ofrecer experiencias únicas: “Galicia é praia, montaña, paisaxes de soño, exquisita gastronomía, refuxio climático e, sobre todo, unha terra acolledora de xente xenerosa. Aos que xa nos coñecen, convidámolos a volver; aos que aínda non viñeron, anímense.”
Por último, animou aos asistentes a achegarse á programación da Casa de Galicia en Madrid, lembrando que “as portas están abertas, como en Galicia, e intentamos ofrecer sempre o mellor. Se algún día senten morriña, aquí estamos, coa mellor representación que poden atopar de Galicia na capital do Estado.”
A Festa da Rosa, que se celebra no mes de xuño, ofrece unha ampla programación cultural, artística e gastronómica, converténdose nun referente de dinamización local e proxección exterior do municipio de Mos. Ademais este ano a programación complétase co concerto de Juan Magán, que forma parte dos Concertos do Xacobeo.