A FILLOA DE MUIMENTA TRIUNFA EN MADRID NUNHA DEMOSTRACIÓN FEITA PARA A OCASIÓN NA CASA DE GALICIA
O director da Casa de Galicia, Juan Serrano, deu a benvida no día de hoxe a máis dun cento de persoas que abarrotaron a sala Emilio Pardo Bazán no acto de promoción da Filloa de Muimenta.
Serrano, estivo acompañado por José Armando Castosa, alcalde do Concello de Cospeito; José Manuel Rus, Coordinador de MOEXMU e da Festa da Filloa de Muimenta, e por Daniel Pollán Cabana, presidente da asociación.
“Era necesario que este manxar se presentase na Casa de Galicia para dalo a coñecer ao maior número de xente posible. Os produtos extraordinarios merecen ser compartidos, e este, sen dúbida éo. Estamos ante un produto que se merece as tres estrelas Michelín”, dixo o director da Casa de Galicia.
José Manuel Rus contou ante unha sala chea ata a bandeira, que hoxe se cumprían quince anos da declaración de Festa de Interese turístico de Galicia, a Festa da Filloa de Muimenta, e que é o seu desexo que pronto se cumpra o soño de que este produto consiga alcanzar a cota de ser recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional.
Pola súa banda, José Armando Castosa, alcalde do Concello de Cospeito, explicou aos presentes a localización deste concello da provincia de Lugo, a vinte minutos da cidade das murallas, e convidou aos participantes neste encontro a visitalos, animándoos a dar a coñecer as bondades desta Filloa de Muimenta por todo o mundo.
Ana Vila, Dosinda Vila, Martina Rivas e Sesa Anllo estiveron máis de sete horas ao mando de catro ferros coas que fixeron centos de filloas. Ana Vila explicou aos asistentes que, “o segredo da filloa é a paciencia. Se se lle dá moito lume, quéimase. Auga, fariña, ovos e aceite son os ingredientes que se usan e cos que elaboramos as filloas.
A Festa dá Filloa xurdiu como unha forma de recadar fondos para a feira de mostras local (MOEXMU), que comezou a organizarse nos anos oitenta. Co tempo, con todo, alcanzou entidade propia, e hoxe é un destacado acontecemento social. O festexo ten ademais o trazo destacado de que as filloas son elaboradas por xentes de todas as idades, residentes en Muimenta pero tamén en parroquias próximas doutros municipios. O acto terminou coa degustación das filloas preparadas en directo para a ocasión que fixo a delicia dos asistentes.