Galicia Calidade promociona os seus produtos no mercado madrileño de San Antón con showcookings e demostracions en directo
A Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, achegará ao mercado madrileño de San Antón a excelencia dos produtos gastronómicos galegos cunha iniciativa que se desenvolverá mañá venres e sábado, e que inclúe showcookings e degustacións. O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro e o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, presentaron hoxe a actividade aos medios. No acto tamén estiveron presentes Kike Piñeiro e Óscar de Toro, coordinador do programa e barista, respectivamente.
Alfonso Cabaleiro sinalou que Galicia Calidade é unha marca de garantía para certificar os produtos galegos de calidade e para promocionalos fóra da comunidade galega polo que accións coma estas son "fundamentais" na procura deses obxectivos. Ademais sinalou que na actualidade Galicia Calidade está dando pasos para converterse na "marca paraugas" dos servizos e produtos galegos. "Unha marca multisectorial", engadiu, que camiñe cara a promoción de todos os sectores galegos, como a moda, a madeira ou o naval. Pola súa banda, José Ramón Ónega indicou que Galicia Calidade é o certificado de calidade diferenciada de Galicia, con máis de 300 produtos de máis de 50 empresas certificadas.
Más de 20 empresas de distintos sectores estarán representadas nas degustacións e talleres que se realizarán no popular recinto comercial realizados por destacadas figuras da gastronomía e sumillería galega como son o gañador do Certame nacional de gastronomía Kike Piñeiro, coordinador do apartado gastronómico; Óscar de Toro, mellor barista galego 2010 e 2011, e Óscar Quintana, nariz de ouro 2014 da zona norte. Completan o equipo de profesionais Iván Méndez, Eloy Cancela, Mark Wernink, Conchi Peiteado e Miguel Ibáñez.
Na planta baixa recibirase aos cidadáns con cafés de pota realizados con auga mineral, froita fresca ou mesmo tarta de Santiago, todos os produtos certificados por Galicia Calidade. Ademais tamén se ofrecerán outros produtos como xamón, queixo, merluza do pincho, pan, tenreira galega, castañas, todo aderezados cos mellores viños, cervexa e licores.
Entre as empresas particantes a acción contará coa presenza de Estrella Galicia, Cabreiroá, Coren, Torre de Núñez, Ingapán, Hornos San Fiz, Luís Escurís Batalla, Merluza do Pincho, Aguas de Mondariz, Feiraco, Gargalo, Grupo HGA Bodegas, Valtea, Bodegas Nairoa, Bodegas Ruchel, Castro Baroña, Adega dos Eidos, Customdrinks, Pazo Vilane, Caracoles do Gallo, Patatas Conde, Queixería Cas Leiras, Gallego Pereira e Kiwi Atlántico. Ademais tamén contará coa presenza das Indicacións Xeográficas Protexidas como Ternera Gallega ou Castaña de Galicia.
Promoción no punto de venda
Con esta acción Galicia Calidade busca promocionar os produtos fóra da nosa comunidade e directamente no punto de venda, onde os consumidores podan apreciar a calidade dos produtos galegos. Na actualidade, cada día é máis importante para as empresas estar presentes onde os consumidores elixen os produtos, e onde se pode incidir nesta toma de decisións.
Entre as actividades a desenvolver cada día haberá showcookings cos produtos das empresas participantes entre as 12.30 e as 15.30 horas. Pola noite, acompañados dos produtos da empresa Hijos de Rivera, programarase unha "tapas en lata", poñendo en valor a industria conserveira galega, todo aderezado con música en directo. O recinto acollerá tamén unha exposición de Artesanía de Galicia. A inauguración oficial será mañá venres ás 12.00 horas.