Galicia, Castela-A Mancha e Andalucía únense en defensa da intensidade das axudas europeas no marco 2014- 2020
· As tres administracións ratificaron en Madrid unha declaración conxunta en defensa da intensidade da axuda transitoria e dunha rede de seguridade
· Adiántanse ao Consello Europeo do 7 e 8 de febreiro, onde se pretende alcanzar un acordo definitivo sobre o presuposto comunitario dos próximos sete anos
· Esperan conseguir que se manteña a proposta da Comisión apoiada polo Parlamento Europeo e o Comité de Rexións
Madrid, 4 de febreiro de 2013. - O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta mañá co Conselleiro de Presidencia e Administracións Públicas de Castela-A Mancha, Leandro Esteban, e o conselleiro de Economía, Innovación, Ciencia e Emprego da Xunta de Andalucía, Antonio Ávila, para asinar unha declaración conxunta en relación co novo marco financeiro da UE para o período 2014- 2020.
O obxectivo desta reunión, que tivo lugar na Casa de Galicia en Madrid, é que as tres comunidades unan as súas voces para defender que as rexións europeas que abandonen por primeira vez o Obxectivo Converxencia e pasan á categoría de Rexións en Transición, como é o seu caso, manteñan a tensión impulsora que lles veu prestando as políticas de cohesión.
Con esta mensaxe consensuada, Galicia, Castela-A Mancha e Andalucía reafirman o seu apoio a unha Política de Cohesión forte; ao tempo que se adiantan ao Consello Europeo dos próximos 7 e 8 de febreiro, onde se pretende alcanzar un acordo definitivo sobre o presuposto comunitario dos próximos sete anos.
Galicia, Castela-A Mancha e Andalucía suman 13 millóns de habitantes que se verán afectados polo cambio de status da súa rexión. Se trata de aproximadamente un terzo da poboación de España, un argumento máis que suficiente para que, unha vez máis, as tres comunidades unan os seus esforzos en busca dunha solución consensuada e compartida, por enriba das diferenzas xeográficas ou políticas.
Neste sentido, no documento desta mañá as tres Comunidades, a pesar de recoñecer a importancia de ter abandonado o grupo de rexións "menos desenvolvidas" no marco da Política de Cohesión da UE, mostran a súa preocupación polas implicacións que levaría consigo un corte abrupto dos fondos estruturais no próximo período financeiro 2014-2020.
Dende 2009, Galicia lidera unha Rede de Rexións Europeas que abandonan o Obxectivo Converxencia (CROWC, en inglés), que defende a necesidade de articular unha axuda transitoria para as rexións que, a partir de 2014, abandonarán por primeira vez o Obxectivo Converxencia. O obxectivo desta "rede de seguridade" que reclama a CROWC é que as rexións que a conforman poidan consolidar os investimentos xa en marcha e lograr unha converxencia real e irreversible co resto de Europa.
Así, na declaración Galicia, Andalucía e Castela-A Mancha congratúlanse de que a Comisión recollese finalmente nas súas propostas unha axuda transitoria para estas rexións que supuxera, como mínimo, dous terzos dos fondos que perciben actualmente. Igualmente, acollen con satisfacción o apoio mostrado polo Parlamento Europeo e polo Comité das Rexións neste sentido.
Por outra parte, celebran que esta rede de seguridade se manteña no documento de negociación do Consello, se ben lamentan que na súa última versión a intensidade da axuda se rebaixa ao 60 por cento. Por iso, de confirmase esta proposta, as Comunidades asinantes da declaración solicitan ao Estado que garanta as compensacións axeitadas para facer fronte á diminución de ingresos, co fin de obter unha repartición máis xusto das asignacións por rexións.
Polo tanto, coa Declaración asinada esta mañá espérase conseguir un resultado positivo a todos os esforzos realizados ao longo dos últimos anos; ao tempo que se aposta firmemente porque o próximo marco financeiro comunitario -que as institucións comunitarias están a punto de adoptar- recolla a necesidade de prestar unha atención especial ás rexións que, como Galicia, Castela-La Mancha e Andalucía non consolidaron aínda o seu proceso de "converxencia real".