"Galicia, naturalmente", unha mostra dedicada ao territorio galego e á súa beleza paisaxística
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a inauguración da exposición Galicia, naturalmente, un proxecto expositivo que reúne dúas mostras complementarias dedicadas á posta en valor do territorio galego: Galicia litoral máxico. Asubíos, rompentes e cantigas e Ribeira Sacra, paisaje del agua. O acto estivo presidido polo director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, e contou coa participación da directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula María Uría Traba.
Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia en Madrid destacou que “ademais da exposición Galicia litoral máxico, abrimos tamén Paisaxe da auga, a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial”. E lembrou que esta zona “non é só un territorio extraordinariamente fermoso, con canóns, vales e meandros únicos, senón tamén unha terra marcada pola pegada eremítica e monástica, pola viticultura heroica e por un rico patrimonio inmaterial asociado á auga”.
Ramos engadiu que a Xunta, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “desenvolveu un traballo rigoroso para documentar a candidatura, pero máis alá do papelame, a Ribeira Sacra está aí, e ten atributos de sobra para formar parte da Lista do Patrimonio Mundial”.
En referencia á mostra Galicia litoral máxico, o director salientou que “é unha gran vantaxe que agora Galicia xestione integramente o seu litoral, porque é de preto desde onde mellor se ven as realidades, as potencialidades e as necesidades”.
A directora xeral Enerxías Renovables e Cambio Climático quixo tamén poñer en valor a dimensión simbólica e emocional de Galicia litoral máxico. Asubíos, rompentes e cantigas, asegurando que “as obras que hoxe presentamos son un canto visual ao patrimonio costeiro de Galicia: ás súas lendas, aos seus faros, ás mulleres que coidan a terra e ás historias que o mar susurra cada día”. Ademais, lembrou que “dende a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, entendemos a arte como unha ferramenta poderosa para conectar á cidadanía co territorio. Protexer o litoral galego significa tamén valoralo, contalo e recoñecer nel a identidade de todo un pobo”.
Galicia litoral máxico
Galicia litoral máxico. Asubíos, rompentes e cantigas é unha exposición colectiva que propón unha mirada a múltiple sobre o patrimonio costeiro galego, entendendo o litoral como un espazo identitario, máxico e habitado, cheo de lendas e de comunidades que o definen. A través das obras de sete artistas galegos ou residentes en Galicia, artéllase unha conversa arredor de tres eixes: a beleza natural do territorio, o patrimonio humano que o habita e a dimensión mítica do mar e das súas tradicións.
A mostra ofrece un percorrido poético e sensorial guiado polas pezas de Carla Andrade, Andrés Pinal, Mar Caldas, David Catá, Lucía Castro, Basilisa Fiestras e Nuria Lago. Dende a fotografía e o son ata a escultura e a pintura, as obras evocan faros, comunidades mariñeiras, pegadas da paisaxe e a súa maxia ancestral, convidando o espectador a reflexionar sobre a relación entre o home, o territorio e o mar.
Ribeira Sacra. Paisaje del Agua
A exposición Ribeira Sacra. Paisaje del Agua presenta un percorrido polos atributos que conforman a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. Desde a súa orixe ata o patrimonio inmaterial que presenta, pasando polas súas fontes, a súa toponimia, os seus muíños, etc.
A mostra poderase visitar nas salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro da Casa de Galicia en Madrid ata o 30 de novembro en horario de luns a venres, de 10,00h a 14,00h e de 16,00h a 20,00h , e os domingos e festivos de 10,00h a 14,00h.