Investigadores de cinco países reúnense na Casa de Galicia para avanzar no proxecto Cockler, que opta ao programa Interreg Espazo Atlántico de la UE
Investigadores de Reino Unido, Francia, Portugal, Irlanda e España que traballan conxuntamente nun proxecto coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), situado en Vigo, reuníronse hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia para avanzar nos traballos cos que optan a integrar o seu proxecto, Cockles, no Programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020, da Unión Europea (UE).
O delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, dirixiuse a eles para darlles a benvida ás instalacións da Delegación e desexarlles un exitoso traballo.
Varias institucións dos citados países traballan conxuntamente no proxecto Cockles para potenciar a produción do berberecho de forma sustentable, valorando o servizo que dá ao ecosistema a través da cadea alimentaria de varias especies de aves e peces. Por España participan no proxecto a Universidade de Santiago de Compostela, representada por Paulino Martínez, catedrático de Xenética, a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, representada polo investigador do seu Centro de Investigacións Mariñas Antonio Villalba, e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), que estivo representado pola súa coordinadora de Transferencia de Tecnoloxía e coordinadora do proxecto, Rosa Fernández.
No consorcio que prepara o proxecto tamén hai representantes das universidades de Aveiro e Lisboa e do Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (Portugal), as universidades de Bordeus e Caen e o Grupo de Estudo de Fondos de Estuarios e Litorais (Francia), a Universidade de Bangor e o Centro de Ecoloxía e Hidrología e Recursos Naturais de Gales (Reino Unido), e a Universidade de Cork (Irlanda).
No programa da UE Interreg Espazo Atlántico só poden participar comunidades autónomas con litoral atlántico. A convocatoria europea péchase o próximo 12 de decembro e este proxecto xa superou a primeira etapa de selección de propostas e áchase entre os cen nos que quedaron para o proceso definitivo, dos catrocentos que o solicitaron inicialmente.