Isabel Blanco-Rivas presenta na Casa de Galicia en Madrid o seu segundo libro de relatos, "Los mundos ajenos"
A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación do libro de Isabel Blanco-Rivas "Los mundos ajenos", unha colección de oito relatos que teñen en común que son protagonizados por persoas con algunha minusvalidez física, que foi publicado por Belagua Ediciones.
Acompañaron á autora na presentación a editora Edurne Baines, a licenciada en Psicoloxía e en Estudos de Asia Oriental Rosana Serrano Blanco e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, para quen nesta obra Blanco-Rivas "explora os sentimentos, as emocións e as vivencias das persoas con diferentes minusvalideces".
"Un dos fíos condutores nos relatos de ´ Los Mundos ajenos ´ é o respecto. O respecto con maiúsculas. O respecto profundo por cada ser humano que día a día afronta a vida con ganas e valentía", mantivo Rosana Serrano, afirmando ademais que a obra "dá moitas ganas de vivir e de pararse a ver o que sucede a noso arredor".
Baines explicou que para Belagua, "un dos aspectos máis destacables de ´ Los mundos ajenos ´ é que as dificultades dos seus protagonistas, todos eles con algunha minusvalidez física ou sensorial, non están tratadas dende o dramatismo nin teñen connotación ningunha de reivindicación social, de denuncia de discriminación etc., ópticas estas ás que nos ten afeitos o tratamento social das minusvalideces". "Polo seu enfoque das diferenzas e pola súa conmovedora escritura, estamos tan convencidos de que Isabel Blanco promete como escritora que imos xa a reeditar o seu primeiro libro, ´ Historias de almas inquietas ´ ", anunciou.
Pola súa banda, a autora, Isabel Blanco-Rivas, expuxo que "Los mundos ajenos" nace a partir do relato "El espejo", que gañou o primeiro premio no II Concurso de Relato Curto Muller, minusvalidez e emprego ´, convocado pola Secretaría de Política Social de CCOO de Almería no ano 2012. "Tras ´ El espejo ´ escribo sete historias máis, todas elas cun nexo común: a privación dalgún sentido, ou o seu mal funcionamento, convertendo as persoas que o padecen en seres extraordinarios facendo mellores os que os rodean", sinalou. Destacou tamén que das historias que recolle o libro "tan só ´ El país de la felicidad ´ se basea nunha historia real, a de Natalia, unha moza acondroplásica que me acompañou na presentación do libro. O próximo mes de outubro ´ Los mundos ajenos´ irán, da súa man, ao Congreso Mundial de Ancondroplasia".
A nai de Natalia, María Dolores Rodríguez Araújo, asegura no prólogo do libro que obras como esta nos mostran retallos de vidas distintas e moi similares en esencia, que nos fan sentir únicos e irrepetibles pero cun nexo de unión e é que estamos feitos en esencia por unha mesma enerxía chamada Amor. Ese Amor que, nos momentos de dificultade, conflito ou dor, non xulga, escoita, acompaña e comprende".
Blanco-Rivas, exerce a avogacía en Vigo dende 1989 e é especialista en Dereito Matrimonial e de Familia, violencia de xénero e menores. Profesora da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados de Vigo durante 16 anos, prestou asesoramento e asistencia xurídica na Casa dá Muller de Vigo entre 1990 e 1998, e nos Centros Municipais de Información da Muller das localidades pontevedresas de Mos e Ponteareas. "Los mundos ajenos" é o seu segundo libro de relatos.
Belagua é unha editorial afincada en Vigo, fundada fai só un ano por dous xornalistas, cunha dobre vertente: editar proxectos propios, fundamentalmente centrados na divulgación dos valores paisaxísticos, culturais e patrimoniais de Galicia, e axudar á promoción de autores descoñecidos.