Javier Rivera Blanco: "O Camiño é un Patrimonio Único"

Notas de prensa
11/27/2012
11/27/2012
27/11/2012

Javier Rivera Blanco: "O Camiño é un Patrimonio Único"

A delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a terceira conferencia do Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudos Xacobeos, realizado en colaboración coa Asociación dos Camiños de Santiago de Madrid. Na sesión de hoxe, o catedrático de Historia da Arquitectura e Teoría da Restauración da Universidade madrileña de Alcalá de Henares, Javier Rivera Blanco ocupou a tribuna da Casa para falar sobre "O Camiño como un Patrimonio Único".

José Antonio Ortiz, presidente da Asociación dos Camiños de Santiago de Madrid, como nas xornadas anteriores, foi o encargado de realizar a presentación do conferenciante. Rivera Blanco é, ademais de catedrático de Teoría e Historia da Arquitectura e da Restauración, vicereitor de Extensión Universitaria e Relacións Institucionais, e autor de máis dunha trintena de libros a título individual e máis de medio centenar escritos en colaboración con outros profesionais.

 

Na conferencia que pronunciou na Casa, Rivera Blanco quixo deixar patente "a marabilla que supón o Camiño dende o punto de vista patrimonial" xa que no seu itinerario é posible contemplar mostras de practicamente todos e cada un dos estilos arquitectónicos de Europa.

A característica de "único" é un dos requisitos para ser Patrimonio da Humanidade e neste sentido "o Camiño vai sempre por diante en todas as propostas".

Segundo a súa definición, Patrimonio é a "facenda que alguén herdou dos seus ascendentes" e Patrimonio Nacional é a "suma dos valores asignados, para un momento de tempo, aos recursos dispoñibles dun país, que se utilizan para a vida económica,". Para a Unesco, patrimonio é o legado que recibimos do pasado, aquilo que vivimos no presente e o que transmitimos ás xeracións futuras. O que fai que o concepto de Patrimonio Mundial sexa excepcional é a súa aplicación universal. Os lugares que son Patrimonio Mundial pertencen a todos os pobos do mundo, sen importar o territorio no que estean localizados. Desta forma, queda patente que o Camiño de Santiago non só pertence aos pobos, provincias ou comunidades nas que está situado. Pertence a toda España, a Europa e por extensión a todo o mundo.

O Camiño "posúe valores que se perpetuaron ao longo de todos os séculos".

O conferenciante, noutro momento da súa exposición, que ilustrou con numerosas imaxes, reivindicou o "valor paisaxístico do Camiño", que só se empezou a valorar dende hai un par de décadas e que "é necesario preservar e coidar, aínda que para iso sexa preciso facer unha nova lexislación sobre impacto ambiental, xa que nalgúns lugares xa lle afectan os novos parques eólicos e solares,". É por iso que Rivera é partidario de que haxa "unidade na súa conservación, "traballando en común para o seu coidado e mantemento".

27 Novembro 2012
Notas de prensa
Imaxes