Joaquín Moldes chega á Casa de Galicia en Madrid tras unha 'Carreira de fondo'

Notas de prensa
09/04/2024
09/04/2024
04/09/2024
O artista galego inaugura a súa primeira exposición fóra da súa Galicia natal

Joaquín Moldes chega á Casa de Galicia en Madrid tras unha 'Carreira de fondo'

Joaquín Moldes González (Sanxenxo, 1956) presentou na Casa de Galicia en Madrid, un total de 34 obras que conforman a súa exposición titulada 'Carreira de fondo'. Unha representación, como el di, de que a arte é a cura para moitos problemas.  No ano 2022 o artista afincado en Punxín (Ourense) foi diagnosticado coa enfermidade de Párkinson e xusto nese momento decidiu empezar a pintar. O seu obxectivo era exercitar a súa destreza manual, a cal se empezou a deteriorar debido á súa enfermidade. 
 
Todos os materiais utilizados nas súas obras son reciclados 100%, e contan cunha gran variedade temática que van desde a crítica á sociedade actual, ata as tradicións galegas, sen deixar atrás outras cuestións como, por exemplo, as de carácter relixioso.   
 
Na presentación, o pintor estivo acompañado do director da Casa de Galicia en Madrid, Luis Ramos, a quen explicou o sentido e significado dalgúns dos cadros máis característicos da súa colección. Esta é só unha mostra dos 400 lenzos que Joaquín elaborou desde o comezo da súa andaina na arte. A selección das obras que se expuxeron na sala Emilia Pardo Bazán da Casa estivo en mans da súa filla Sandra e a súa neta Raisa, que seguiron os pasos do patriarca da familia e convertéronse tamén en artistas. Elas mesmas explicaron que os retratos son as pezas máis características do autor, aínda que resaltaron tamén as pinturas con carácter relixioso, como poden ser 'Botafumeiro' (2022) ou 'Párrocos de fe' (2024) e aquelas que evocan aos tempos no que Joaquín Moldes era un neno 'A Nai' e 'A Nena' (2023). 
 
As obras pódense visitar na sala Emilia Pardo Bazán da Casa de Galicia en Madrid ata o día 30 de setembro, de luns a sábado de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h e os domingos de 10:00h a 14:00h. 

04 Setembro 2024
Notas de prensa
Imaxes