José Ramón Ónega e o embaixador de Cuba presiden unha conferencia sobre Manuel Fraga e Fidel Castro

Notas de prensa
05/26/2015
05/26/2015
26/05/2015

José Ramón Ónega e o embaixador de Cuba presiden unha conferencia sobre Manuel Fraga e Fidel Castro

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, e o embaixador da República de Cuba en España, Eugenio Martínez Enríquez, presidiron hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia a conferencia "Dous homes encontrados no tempo: Manuel Fraga Iribarne e Fidel Castro Ruz", que ofreceu Miguel Ángel Alvelo Céspedes, con ocasión do seu nomeamento como presidente da Asociación de Cubanos Residentes en Madrid. No acto estiveron representadas once embaixadas en España, de países iberoamericanos e de Guinea Ecuatorial e Guinea Bissau, sete delas polos seus respectivos embaixadores, e o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación de España. Entre os convidados tamén estaban Carlos Robles Piquer e Elisa Fraga Iribarne, irmá de Manuel Fraga.

Ónega deu a benvida ao conferenciante e aos importantes convidados e fixo un eloxio á amizade resaltando que "é verdadeiramente admirable que a dous homes de talante distinto no político os unise a forza irredutible da amizade e o afecto". Engadiu que "os galegos nos sentimos próximos en todas as partes" e "vivimos as raíces da nosa terra de orixe alá onde estamos ou respiramos, alá onde depositamos as nosas vivencias e sentimentos. Un galego recoñécese noutro galego só con miralo aos ollos".

O conferenciante explicou os inicios da familia de Fraga en Cuba, país ao que que fose presidente de Galicia tiña especial aprecio e ao que emigraron e onde se coñeceron os seus pais. No acto proxectáronse imaxes en video das visitas de Manuel Fraga Iribarne a Cuba nos anos 1991 e 1998 e da visita de Fidel Castro Ruz á terra do seu pai, Ángel Castro Argiz, Galicia, en 1992.

Alvelo Céspedes é autor do libro "Manuel Fraga un galego cubano, Fidel Castro un cubano galego". Naceu en Camagüey (Cuba) e é profesor de educación física e deportes, graduado na Facultade Comandante Manuel Fajardo, na especialidade de Natación. Alvelo, foi o creador do primeiro Club Galego de Natación Rosalía de Castro, dentro as Sociedades Galegas en Cuba. Tamén due director técnico da delegación de natación en Lanzarote, recoñecido pola Federación Canaria de Natación.

Importante representación diplomática no acto

Ao acto asistiron os embaixadores de Cuba, Eugenio Martínez Enríquez; Perú, Rafael Roncagliolo Orbegoso; Guinea Ecuatorial, Angue Ondo; Nicaragua, Verónica Rojas; Guinea Bissau, Paulo da Silva; Chile, Francisco Marambio Vial; Venezuela, Mario Isea Bohórquez; o cónsul xeral de Cuba en Madrid, Malluly Díaz Medina; e os conselleiros de Cultura das embaixadas de Angola, Adriano Mixinge, e Ecuador, Juan Carlos Cuellar. Tamén o primeiro secretario de Relacións Exteriores Colombia, Santiago Ávila; a ministra conselleira da Embaixada da República Dominicana, Yureidy Martínez; e o secretario da Embaixada de Guinea Ecuatorial, Eulogio Abeso Oyana.

Por parte do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación de España estiveron Carlos Perez Desoy, subdirector de Chancelaría, e Alfonso Portabales Vázquez, asesor do secretario de Estado de Cooperación Internacional e para Iberoamérica.

Rematada a conferencia, se dió paso á presentación da Asociación de Cubanos Residentes en Madrid e do nomeamento de Alvelo Céspedes como presidente, por parte do vicepresidente da Asociación, Elisabeth Noriega. O acto finalizou coa intervención do embaixador de Cuba e a actuación do cantautor cubano Orlas Pineda.

26 Maio 2015
Notas de prensa
Imaxes