Labajjo Grandío expón as súas últimas obras na Casa de Galicia en Madrid

Notas de prensa
02/05/2014
02/05/2014
05/02/2014

Labajjo Grandío expón as súas últimas obras na Casa de Galicia en Madrid

O pintor lucense Alfredo Labajjo Grandío expón as súas últimas obras na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, onde inaugurou esta tarde unha mostra chea de colorido que poderá visitarse ata o próximo día 28. No acto manifestouse o coñecemento que tivo de Picasso e a influencia deste na pintura de Labajjo Grandío.

Na presentación, o pintor estivo acompañado polo director xeneral do xornal El Progreso, José de Cora, encargado da súa presentación, e polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, quen dió a benvida e, entre outras cousas, contou a anécdota de que cando Labajjo coincidiu en Aviñón con Picasso e este soubo que era de Lugo puxéronse a falar galego entre eles, o que foi corroborado polo pintor. Entre os asistentes estaban o catedrático Antonio Fernández de Buján, a presidenta do Club de Xornalistas Galegos, Pilar Falcón, a representante do pintor, Tete Latas, a profesora de galego Carme Lamela e moitos dos seus alumnos.

De Cora recordou a biografía e a evolución da obra de Labajjo Grandío: familia, o seu descubrimento da pintura, chegada a Madrid, relación con Tino Grandío, formación do estilo, coñecemento de Picasso, exposicións madrileñas, regreso a Galicia e "redescubrimento coa presente exposición". Valorou que Labajjo plasma unha "Galicia redonda", que a vida ten curvas e rectas pero cando pasan polo seu baruto só queda a curvatura. "É un doutor da pintura, o que pasa é que tamén é un bohemio e os bohemios ás veces esquecen a promoción da súa propia obra", mantivo De Cora respecto a Labajjo.

Despois o director de El Progreso estableceu unha charla co artista, a xeito de entrevista xornalística, sobre os cadros expostos, aínda que Labajjo considera que explicar as obras é complicado e que cada un ve nelas o que quere.

Ademais estableceuse un diálogo co público no que o pintor resumiu o seu xeito de pintar en que "cada un é como é" e, chanceou, "tenme pasado, de madrugada, no taller que me pregunte quen pintou esta loucura".

O seu sentido de humor tamén se puxo de manifesto cando lle suxeriron certas similitudes con Picasso: "Si, dio moita xente. Non me importa que me copiase un pouco", riu.

05 Febreiro 2014
Notas de prensa
Imaxes