Luisa Rubines inaugura na Casa, con máis de cen persoas, a mostra fotográfica "As árbores do bo camiño", composta por impresionantes imaxes da Ribeira Sacra en caixas de luz
Un total de 35 fotografías, delas máis dun terzo en caixas de luz e o resto enmarcadas e en bastidores, compoñen a exposición "AS ÁRBORES DO BO CAMIÑO" da lucense Luisa Rubines que acollerán as salas A e B da delegación da Xunta de Galicia en Madrid ata o día primeiro de marzo. As protagonistas das imaxes son as árbores da Ribeira Sacra do Miño, que permanecen mergulladas gran parte do tempo e só poden verse cando baixa a canle do río.
O acto de inauguración da mostra, ao que asistiron máis dun centenar de persoas, estivo presidido polo delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega e nel interviñeron tamén o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez e a propia autora, Luisa Rubines. "Luisa é unha artista capaz de ofrecernos esta marabillosa exposición na que atrapa unha epopea de paisaxes do poderoso Miño", dixo Ónega. "Luisa é unha muller de ríos, Támese, Ganxes, Miño", comentou citando a Xurxo Lobato, da Real Academia Galega de Belas Artes. Para Ónega, "Rubines capta a emoción da Ribeira Sacra, un traballo de luz, de sonos e fantasía unida coa bruma e a auga".
Jiménez comentou parte da traxectoria profesional da artista de Taboada, con exposicións en España, Alemaña e no Reino Unido. En Londres, formouse como fotógrafa. É Licenciada en Arte e Novas Tecnoloxías pola Universidade London College of Printing (1999) e Máster en Medios Audiovisuais pola Universidade de Westminster (2001). É admiradora do poeta visionario Willian Blake, e “revélanos coa súa cámara as formas que a súa imaxinación descobre nas árbores mortas do encoro de Belesar, na Ribeira Sacra, que o baixo nivel da auga devolve á vista de todo o mundo. Así que o ollo de Luisa, fundido co obxectivo da súa cámara, é dobremente revelador". Tamén citou Jiménez a Marguerite Yourcenar cando dicía que o tempo era un grande escultor; "como pinta o tempo, un dos mellores aliados da Nai Natureza, os bosques con aneis brancos, aneis que se anoan no corpo de serpes petrificadas polo curso dos anos; como talla peixes e unicornios e todo tipo de figuras marabillosas para quen sabe ver. E engadiu que "moitas destas imaxes ofrecen en realidade un fantástico espectáculo de sombras chinesas para o que as madeiras tivesen pousado coas súas mans retorcidas ante a mirada atenta da nosa artista invitada. Sombras chinesas proxectadas sobre a auga e sobre o ceo cheas de beleza que botan a voar a nosa imaxinación por un universo de mundos imposibles".
Pola súa banda, Luisa, tras os sinceros agradecementos, expresou o seu desexo de que os asistentes gozasen, "polo menos unha pequena parte do que o fixen eu cando completamente soa, e cunha inmensa paz, puiden facer estas imaxes, que por outra parte son tal cual e non teñen ningún tipo de retoque. As cores son así, a luz é a que era e as pinturas das árbores as fixo a auga".