Machu Picchu era Patallacta según a historiadora Martín Rubio
“Segundo dous cronistas galegos, Machu Picchu chamábase Patallacta”. Este é o revelador título da conferencia que pronunciou na Casa de Galicia en Madrid a doutora en Historia de América e especialista na cultura Inca, María del Carmen Martín Rubio . Patallacta significa cidade de plataformas, e é o primeiro nome da cidade inca, que foi descuberto pola investigadora grazas aos documentos inéditos dos cronistas galegos do século XVI Juan de Betanzos e Sarmiento Gamboa. Un importante descubrimento do que se fixeron eco numerosos medios de Perú, América Latina, EUA e por suposto e con maior interese os especializados en en temas históricos, pola enorme transcendencia que ten Machu Picchu.
O coordinador de actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez comentou na presentación que "dada a galeguidade dos cronistas autores dos documentos que permitiron o descubrimento da investigadora, é todo un privilexio que ela nolo conte en primeira persoa".
O documento principal foi escrito polo cronista Juan Díez de Betanzos, en 1551, (fillo natural dunha rama dos Andrade) que posuía unha sólida formación clásica como pode deducirse da súa elocuente prosa. As súas fontes eran moi directas pois chegou a casarse cunha bela princesa inca, (que tomou o nome castelanizado de Angelina, e que ademais fora muller de Pizarro co que tivera dous fillos). Este feito deulle acceso ás máis altas esferas sociais e culturais nas novas terras.
Máis tarde, o tamén cronista galego Sarmiento Gamboa revela noutro escrito o mesmo nome, non se sabe se baseándose en Juan de Betanzos ou en fontes do mesmo ámbito.
María del Carmen Martín Rubio é, ademais de Doutora de Historia de América pola Universidade Complutense, Profesora Honoraria das Universidades Nacional San Antonio Abad do Cusco, Andina do Cusco, e Nacional Maior San Marcos de Lima; tamén é Académica Correspondente da Real Academia Hispanoamericana; e entre outros premios recibiu o César Vallejo 2002, e o premio de Cultura Vila de Vallecas 2007 do Concello de Madrid.