Máis de doscientos profesionais vitivinícolas acudiron a cata de viños, destilados e espumosos organizada na Casa
A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid acolleu durante a xornada de hoxe a cata sobre a máis ampla mostra realizada ata agora con viños, destilados e escumosos galegos, ou "túnel de viños" como denominan no argot á cata libre. Este tipo de eventos realízanse só para profesionais con acreditación previa, xornalistas, críticos, distribuidores e exportadores, pero sen a presenza de bodegueiros, para que a s catas sexan "totalmente libres".
A cata, que se realizou sobre as 80 etiquetas coa mellor puntuación da Guía, fíxose en horario de mañá e tarde de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas. Das 80 marcas, 65 correspondían a viños;14 a destilados e só unha a un escumoso.
Ás 12:30, tal e como estaba previsto, presentouse a Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2013. No acto, presidido polo delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, interviñeron o xornalista e coordinador da Guía, Xosé Lorenzo; o presidente da Asociación Madrileña de Sumilleres, Javier Gila e o enólogo e editor, Luis Paadín.
Tras as palabras de benvida Ónega recordou que este tipo de actos "merecen sempre o noso apoio e colaboración, pois fan falta emprendedores que difundan e comercialicen os nosos produtos", e máis se é o caso dos viños, “aquela ambrosía e néctar que xa bebían os deuses no Olimpo”.
Nas súas palabras, Gila reivindicou o carácter atlántico destes viños, "cos que ogallá poidamos celebrar que Madrid consiga os Xogos Olímpicos, e "o Celta e o Depor se manteñan". Pola súa banda, Lorenzo dedicou unha parte moi especial dos agradecementos "ás 180 persoas que nos apoiaron. Os mecenas que colaboraron con este proxecto, creron nel, permitíronnos levalo a cabo e ter unha guía libre e sen publicidade". A obra, que se realizou sobre máis de 700 catas, inclúe tamén as 475 adegas dos Consellos Reguladores, que en total producen máis de 1.500 marcas de viños e destilados. Conta ademais cunha pequena parte dedicada á historia vitivinícola de Galicia, iniciada nos esquecidos lagares rupestres. Está organizada por denominacións de orixe e ilustrada con fichas e mapas de situación xeográfica, así como as puntuacións obtidas polos mellores clasificados.
Para Luis Paadín, que entre outras moitas cousas é máster en Vitivinicultura e Enoloxía pola Universidade de Vigo, exerce como docente, e preside a Asociación Galega de Catadores, "en Galicia non hai un viño. Hai 1500! E explicou que os 1500 viños pertencen a 120 variedades, das cales, 70 son autóctonas.
Esta actividade, realizada en colaboración coa Asociación Madrileña de Sumilleres, e pensada para prensa especializada e profesionais do sector, contou coa asistencia de máis de duascentas persoas vinculadas ao ámbito enolóxico, entre elas os críticos máis recoñecidos e especialmente, distribuidores, xefes de compras de importantes cadeas e exportadores, onde os viños galegos teñen un gran potencial. Para Paadín, "con esta cata, bríndase a oportunidade aos profesionais verdadeiramente interesados, de probar, degustar e coñecer, nun mesmo acto e lugar algúns dos mellores Viños e Destilados con Denominación de Orixe radicada en Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) " e asegurou que sen dúbida, "é a mellor forma de multiplicar as posibilidades de comercialización".
Máis información: www.servino.net/