Máis de duascentas persoas acudiron a presentación do libro "Linguaxe oculto nos xardíns galegos" de Manuel Gómez Anuarbe
A Casa de Galicia acolleu esta noite a presentación do último libro do economista, arabista e paisaxista Manuel Gómez Anuarbe, que leva, por título Linguaxe, oculto nos xardíns galegos" e á que asistiron máis de duascentas persoas. A sala A estaba co aforamento completo; o mesmo aconteceu tanto coa sala B, coma co vestíbulo e as escaleiras, espazos habilitados con circuíto pechado de televisión. Entre os asistentes, e dado o polifacético do autor, encontrábanse personalidades como o director do Teatro Real, o ourensano Miguel Muñiz; a exministra Cristina Alberdi; o presidente de Innovar, Arturo González; a aristócrata Casilda Santa Cruz; a empresaria e restauradora, Clara María de Amezúa; o escultor Juan Luis Molero, o deseñador, José Antonio Lambiris; ou as paisaxistas, Luisa Roquero, Bárbara Saavedra, Marta Medina, e a viúva do internacional Leandro Silva, Julia Casaravilla.
A obra é unha completa análise dos elementos ornamentais que esconden referencias á alquimia, a masonería, a literatura ou a mitoloxía clásica de sete dos máis representativos xardíns de Galicia.
Na tribuna da Casa encontrábanse, xunto co autor, o diplomático e escritor Juan Durán-Lóriga, a catedrática de socioloxía Inés Alberdi e o coordinador de Actividades Culturais, Ramón Jiménez, quen actuou como anfitrión, por estar de viaxe oficial o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega.
"Manuel Gómez Anuarbe, é, un sabio", dixo Durán-Lóriga "é economista, arabista e paisaxista, pero el domina moitas máis disciplinas". Algo no que tamén coincidiu Inés Alberdi quen na súa intervención sinalou as diferenzas entre información, coñecemento e sabedoría. "Gómez Anuarbe é das poucas persoas do noso tempo que é exemplo do último".
Pola súa banda, o autor, explicou que a obra "parte da consideración do xardín como unha obra de arte, onde o contido é tan importante como a forma. Se hoxe en día a forma de abordar os xardíns se fai de xeito pasivo, en aparencia casual e despreocupada, admirando o aspecto estético da plantación, recoñecendo as especies botánicas e os exemplares arbóreos de especies pouco comúns ou de gran tamaño, mesmo analizando a importancia ou orixinalidade do deseño, non por iso moitos destes espazos artísticos perderon o seu contido simbólico".
Seguidamente fixo unha pequena exposición sobre cada un dos xardíns estudados "cos que imos establecer un diálogo no que empezaremos a ser conscientes dun conxunto de mensaxes metafóricas cuxa comprensión dependerá da nosa capacidade e do noso interese nese diálogo, porque a interpretación non é nin doada nin evidente,".
En San Lourenzo de Trasouto, un franciscano consegue facernos chegar as súas conviccións cristiás a través de símbolos expresados por medio da arte topiaria de sebes de buxo recortado, de máis de trescentos anos de antigüidade.
Nos pazos de Gansa e Mariñán, os seus xardíns somérxennos en mensaxes metafóricas de contido filosófico, baseadas na dualidade dos opostos, un tema que xa preocupaba a Heráclito e que continuaba vixente para os nobres ilustrados galegos do século XVIII.
No século XIX, os xardíns del pasatiempo de betanzos e de Lourizán en Pontevedra, as referencias céntranse na Masonería, nos ritos de iniciación e nos modelos a seguir como cidadán, ofrecendo ao visitando un itinerario que é unha auténtica viaxe iniciática.
En século XX os xardíns non perderon o seu contido metafórico, pero como toda obra de arte a súa resposta responde ás preocupacións e crenzas do mundo actual.
En Pontevedra, o Xardín de Esculturas da Isla de la Xunqueira constitúe un magnífico exemplo de transformación dunha paisaxe nun auténtico xardín, onde as esculturas de artistas de renome internacional transformaron o espírito do lugar nun espazo cuxo percorrido nos vai producindo todo tipo de sensacións relacionadas coa xeografía e as tradicións galegas, a ecoloxía, a poesía ou o propio xardín.
E por último, inclúese tamén o caso excepcional do Xardín de Man en Camelle, onde un alemán consegue crear unha obra de arte total, que inclúe non soamente a súa casa, o seu horto e as súas esculturas en continua relación co lugar elixido por el en Finisterre, senón ao propio artista e ás persoas que quixeran acompañalo, nun proxecto que o autor denomina "xardín cósmico", enmarcado na tradición do máis puro romanticismo alemán.