Manuel Janeiro presenta na Casa de Galicia en Madrid os seus novos libros
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación dos libros de Manuel Janeiro Nuevos cuentos tradicionales e La abeja preguntona. A primeira obra consta de 18 contos que viaxan desde o narrativo ao lírico e que unen os trazos máis tradicionais cos máis modernos. A abella preguntona é un álbum ilustrado que narra como unha pequena abella recolectora descobre o mundo que a rodea. Este libro infantil foi publicado orixinariamente en galego baixo o título A abella abesullona e agora chega a versión en castelán.
Durante a presentación, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, resaltou o importante labor dos autores de literatura infantil, "que teñen nas súas mans a enorme responsabilidade de xerar nos máis pequenos da casa un hábito tan intelectualmente saudable como é o da lectura", sempre que conten coa complicidade do seu cortorno. Neste sentido, Ramos referiuse ao último barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en España que sinala que "a literatura infantil continúa con valores moi elevados, que aumenta a lectura nos máis pequenas á vez que diminúe a lectura dos nenos de 6 a 9 anos". O director da representación institucional da Xunta de Galicia en Madrid felicitou a Manuel Janeiro por escribir parte da súa obra en galego.
No acto participaron, ademais do autor, a xornalista Lola Camarena, o escritor Miguel Ángel Mendo e o tenor Daniel Domínguez, que interpretou un fragmento de La abeja preguntona.