"A mar en acuarelas" de Miguel A. Camarero na Casa ata o 29 de abril

Notas de prensa
04/07/2015
04/07/2015
07/04/2015

"A mar en acuarelas" de Miguel A. Camarero na Casa ata o 29 de abril

Dende esta tarde, a Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid ofrece ata o día 29 a exposición "O mar en acuarelas" do artista coruñés Miguel Ángel Camarero Suanzes. A mostra é unha recompilación das súas últimas obras, coloristas, vitais e intimamente ligadas á súa profesión de mariño, que lle permitiu coñecer todo o mundo e plasmar logo cos seus pinceis os diferentes mares, paisaxes e detalles do natural.

A inauguración correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez e nas súas palabras sinalou que "Camarero é mariño e pintor, case dende a infancia". Mariño, como el mesmo tivo a ocasión de comprobar cando comtemplou unha foto na que con trece anos xa aparece agarrando o leme na ponte dun barco; a vocación de pintor tamén espertou pronto e ambas as dúas foron medrando de forma paralela "ao longo da súa traxectoria artística e das súas longas singladuras, que, se se sumasen, darían dúas veces a volta ao mundo".

Jiménez puxo de relevo que Camarero Suanzes viaxou por eses "anchos, e ás veces estreitos, mares e océanos sempre acompañado das súas acuarelas, mentres ascendía de mariñeiro a capitán e de alumno na Escola de Artes e Oficios da Coruña a principios dos sesenta a recoñecido pintor, con numerosas exposicións realizadas en España e no estranxeiro. Discípulo do acuarelista coruñés Mariano García Patiño, a obra de Camarero asombra entre outras cousas por "a precisión no debuxo", que pode verse especialmente nos barcos e os seus aparellos, "tan intricados como o vocabulario que os define". Para o presentador, "o debuxo é a verdadeira dimensión da calidade dos traballos do noso artista invitado", pois ao seu xuízo, "o debuxo éo todo en pintura", dixo. O outro aspecto que resaltou foi a luz dos cadros, un "cegamento indefinible, coma se de pronto nos vísemos dentro da claridade dunha nube formada por todas as sensibilidades do autor, unha especie de almofada que nos ofrece onde descansar a mirada e a alma".

A mostra continua na Sala L, onde os visitantes poden asomarse para ver ademais, un mundo repleto de beleza cheo de flores e variadas paisaxes.

Pola súa banda, Camarero Suanzes quixo recordar e agradecer aos seus mestres, "García Patiño na infancia, máis tarde Salvador Gutiérrez de la Concha e a todos aqueles artistas, moitos, aos que agora é tan doado acceder e que observándoos, tanto me axudaron na constante aprendizaxe no camiño que eu quero seguir". E explicou que esta mostra "é un intento por resumir con obra recente, o que dende a nenez intentei e que ao final non é máis que o resultado do filtrado persoal de sensacións, vivencias, experiencias reais e fantásticas, trasmitidas a través destas imaxes que lles mostro. Desexar que o gocen e con iso completar o ciclo no que o protagonismo final e imprescindible o teñen vostedes".

 

"O mar en acuarelas" poderá ser visitada ata o 29 de abril, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domungos e festivos: de 10 a 14 horas.

07 Abril 2015
Notas de prensa
Imaxes