Más cien persoas acoden á Casa de Galicia en Madrid á proxección-coloquio do documental "Asolagados" sobre os pobos inundados polo Miño en Belesar

Notas de prensa
01/27/2014
01/27/2014
27/01/2014

Más cien persoas acoden á Casa de Galicia en Madrid á proxección-coloquio do documental "Asolagados" sobre os pobos inundados polo Miño en Belesar

Malia a tarde fría e desapracible madrileña, máis dun centenar de persoas acudiron á delegación da Xunta en Madrid, Casa de Galicia para asistir á proxección-coloquio do documental "Asolagados". O audiovisual reflicte, cincuenta anos despois, as imaxes actuais daqueles lugares e os testemuños dunha decena de veciños dos pobos que foron inundados polo Miño, tras a construción do encoro de Belesar, en 1963

A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades da Casa, Ramón Jiménez e nel interviñeron o director e a produtora do documental, David Vázquez e Cristina López.

A idea de facer o documental xurdiu en 2011 cando o encoro baixou moito por unhas obras, e os pobos quedaron á vista. Por exemplo, o vello Portomarín, vese cada ano, pero non estes, que están máis abaixo no curso do río. “Estabámolo a cubrir para a televisión local de Chantada e as imaxes eran moi potentes. Impresionounos moito a todo o equipo ver aqueles pobos que levaban 48 anos mergullados e posiblemente non volverían saír á luz", dixo Cristina.

Logo localizaron a persoas que viviran alí, e que pouco a pouco, conforme aumentaba a confianza fóronlles contando as súas historias. "Foi difícil. Había moitas reservas. Temores, medos. Confiáronnos as súas vidas, os seus sentimentos e non podiamos fallarlles. Era necesario seguir e rexistrar todo aquilo", dixo David.

Os protagonistas son eses veciños, cuxas vidas tomaron diferentes camiños, e volven aos seus lugares de orixe, evocando cómo eran os seus pobos por entón. Son as xentes que tiveron que abandonar as súas casas, hortas e terras en pobos como Abideira, Porto, Castro Candaz, Santa Marta, Pincelo, Ponte Fortes, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Hermida, Ribó, así ata 26 lugares que desapareceron para sempre ao ser anegados polo encoro.

O documental mostra imaxes e sons da Ribeira Sacra, cos restos das casas, os camiños, o muíño, os fornos de antano e ata os "chanteiros" das berzas que quedaron atrás. Para todos foi traumático. "A min preguntábanme de onde era e eu non sabía qué dicir, parecía parvo, pero o meu pobo xa non existía", di un dos veciños que intervén.

Quedáronse sen raíces, dun día para outro, porque aos pobos grandes lles chegou o aviso, pero aos pequenos a xente decatouse cando un día espertaron e a auga xa entraba na casa e lles chegaba aos pes.

Para David Vázquez, “impresiona que a día de hoxe, se puidesen, todos volverían aos seus pobos e ademais falárono e decatáronse de todo o que perderon, especialmente ao ver o documental”. Explicou que os protagonistas "se emocionaron, estaban tranquilos e estaban moi agradecidos por ter recuperado ese pasado para eles, un pasado que estaba perdido".

Para o director "somos xente humilde que quixo facer un traballo humilde respetando en todo momento a voz e a vida dos nosos protagonistas inundados. O que comezou como algo entre amigos está a coller matices moi interesantes porque a mensaxe está a calar fondo, non deixa indiferente a ninguén e está a ter moi boa acollida. Isto sorpréndenos e tamén nos fai estar moi satisfeitos", dixo.

A proxección realizouse en galego con subtítulos en castelán e entre os asistentes estaba o escritor Julio Llamazares, cuxo pobo en León correu a mesma sorte. Tamén acudiu o alumnado de galego do "Espazo dás Línguas Ibéricas", que participaron activamente no coloquio.

Máis información sobre este tema en: http://coaaugaopescozo.com/

27 Xaneiro 2014
Notas de prensa