MATgritte enche coa maxia da música a Casa de Galicia en Madrid
A Casa de Galicia en Madrid acolleu este serán o concerto de voz e piano de ARIMagritte e Mateo Sestelo, dous artistas galegos que actúan xuntos baixo o nome de MATgritte. Este proxecto intimista de voz e piano naceu hai uns meses, durante o verán, con cancións propias da cantante viguesa e pezas doutros artistas consagrados "por puro amor ás cacións".
No recital da Casa de Galicia, ademáis dalgúns temas incluídos en Oráculo, o primeiro album de ARIMagritte, o dúo interpretou pezas de Mecano, Nena Daconte, Antonio Vega e Jarabe de Palo.
O director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, agradeceu a achega dos artistas no serán madrileño, "ese tempo máxico que coñecemos os galegos e que xunta a tarde coa noite". Este foi "o plan perfecto para comezar a fin de semana por todo o alto", destacou a artista viguesa.