Mesa redonda sobre o libro "Primeiras páxinas da historia de Filipinas", do escritor galego José Rodríguez, na Casa de Galicia
A historia de Filipinas a través das primeiras páxinas de xornais estivo presente, esta tarde, na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia na mesa redonda "Primeiras páxinas da historia de Filipinas", que xirou en torno ao libro do mesmo nome do que é autor o xornalista e escritor ourensano José Rodríguez Rodríguez, que interveu na mesa xunto cos tamén xornalistas e escritores Alfonso S. Palomares e Carlos G. Reigosa e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.
O delegado da Xunta presentou e moderou o acto e nas súas palabras recordou as que Vargas Llosa dedicou ao libro: "Unha historia sintética de Filipinas a través das primeiras planas dos xornais, as noticias que marcaron a súa experiencia colonial e os albores da súa independencia". Cualificouno tamén de "rigorosa investigación", un libro "instrutivo, entretido e cheo de sorpresas".
A obra recolle 150 anos de historia de Filipinas, a través da prensa, un reflexo de como os xornalistas e escritores informaron de asuntos e eventos significativos dende que se imprimiu o primeiro xornal nas illas. Un testemuño visual, en definitiva, para comprender a transformación dun pobo e unha nación, do seu paso de colonia a nación independente e da ditadura á restauración da democracia.
Ao acto asistiron, entre outros, o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, académicos da Real Academia como o profesor José Manuel Blecua, o diplomático Luis Arias e o director xeral de Migracións, Aurelio Miras Portugal.