MIGUEL NÚÑEZ PRESENTA NA CASA DE GALICIA, “METAL E MADEIRA. MIRADA E TACTO. 2023", UNHA EXPOSICIÓN DE PINTURA E ESCULTURA PARA SER VISTA E TOCADA
A Casa de Galicia acolle desde onte a exposición de pintura e escultura do artista lucense, Miguel Núñez, que presentou ante máis de medio cento de persoas unha obra que mostra unha ampla selección de pezas coa que establece un diálogo entre materias como a madeira e o metal, para confluír nunha mestura de volumes e texturas que cobran formas sorprendentes, ben en escultura, ben en pintura de esmalte degradado en sobre zinc.
Núñez explicou aos asistentes, que o interese de traballar con este material xorde de experimentar coa natural maleabilidade, buscando unha obra híbrida entre un cadro e unha escultura, e que polas súas características, axuda a crear.
Trátase de “texturas evocadoras de dramatismo, e propicias para transmitir emocións dentro da abstracción; unhas texturas que tamén contan unha historia que se entrelaza coa observación”, aclarou o pintor.
Os cadros están finalizados cun protector que dá resistencia e dureza, polo que poden ser tocados. Esta mostra achega unha síntese suxestiva e diferente: a frialdade austera do metal reconciliando a súa dureza nun diálogo das formas que se volve diferente. Cada obra busca ser unha chave para abrir unha nova impresión e, á vez, atopar esa actitude ao mirar que se esperta tocando a obra.
A exposición “Metal e madeira. Mirada e tacto. 2023” poderá visitarse na sala Emilio Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro da Casa de Galicia en Madrid ata o próximo 28 de abril, en horario, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.