"Moita maxia... e humor galego" na Casa de Galicia en Madrid a cargo de Luís Boyano
"Pódese vivir sen diñeiro; máis difícil é vivir sen saúde; pero é imposible vivir sen ilusión", expón Luís Boyano como filosofía vital. O ilusionista pontevedrés ofreceu esta tarde, na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia, o espectáculo "Moita maxia... e humor galego", cos novos xogos que presentou recentemente no programa de TVE, "Desafía a túa mente", do que na actualidade xa está a rodar a segunda tempada, que tamén se emitirá na canle National Geografic.
A presentación do acto realizouna o coordinador de Actividades Culturais, Ramón Jiménez, en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, e nas súas palabras lembrou que Boyano xa actuou varias veces na nosa institución, "creando sempre novas sensacións coas que asombrarnos". Engadiu que Boyano é así mesmo, "un gran comunicador, excelente mestre de cerimonias, e mago tamén da palabra, grazas á cal chega ao corazón do público dunha forma atractiva e diferente".
Luís Boyano ademais de licenciado en Psicoloxía formouse en diferentes campos artísticos como: interpretación, expresión corporal, pantomima, clown e maxia; e foi o primeiro en España en introducir a Maxia Corporativa, unha nova forma de crear e comunicar mensaxes en multinacionais e grandes compañías, nas que se centrou fai xa un cuarto de século. En 1997 creou "Solucións Máxicas", empresa coa que se introduciu con gran éxito no sector do Entretemento Corporativo e coa que levou os seus espectáculos por centos de entidades e corporacións.
Boyano é coordinador e director do VI Festival Internacional de Maxia de Torrelodones, con grandes artistas nacionais e internacionais. Outro dato de interese, é que está a colaborar actualmente coa consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta.
Entre os números realizados na Casa de Galicia, todos con humor, xunto cos xogos de cartas, a temida guillotina, ou o que fixo con multicolores calcetíns, destacaron o denominado, "O vendedor ambulante, ou feirante dous pobos galegos", así como o xogo no que o público puido viaxar coa imaxinación a un afastado lugar.
E para finalizar o espectáculo, Boyano fíxoo coa súa máxima: Pódese vivir sen diñeiro; máis difícil é sen saúde; pero é imposible facelo sen ilusión. Luís leva 33 anos regalando sorrisos e ilusión.